Ás oito da mañá deste 26 de outubro iniciábase a campaña arqueolóxica que o equipo de Sputnik Labrego desenvolverá ata o vindeiro 31 de outubro no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Esta actuación forma parte doutro dos proxectos nos que traballa este grupo de investigadores e que pon o foco no papel que desempeñaba o val do Sil entre finais da época romana e o principio da sueva.
Neste senso, teñen localizados unha serie de asentamentos relacionados con este val, tanto na provincia de Ourense como na de Lugo, se ben escolleron para a súa primeira escavación o Castro de Valencia do Sil, e, en concreto, unha zona na que xa fixeran unha pequena actuación décadas atrás Os Escarvadores. “Son 6,7 m de casa na que non temos o peche, que é o que trataremos de ver na sondaxe, o que queremos coñecer é como era a historia desta casa e quen a habitou”, comenta Carlos Tejerizo, director da escavación. Os arqueólogos esperan atopar diverso material no solo da edificación, como ósos de animais ou restos de froita, que lles permitirán obter diversa información e entender como eran e vivían os seus habitantes.
“Tamén imos recoller mostras de argamasa e pretendemos datar esta construción. Non se sabe moi ben cando empezou a ocupación deste castro e cando finalizou. Nós imos empregar a datación por Carbono 14. E nos niveis iniciais colleremos mostras de terra para obter dela información sobre a flora desa época, recuperando o polen fosilizado e as sementes para saber que cultivaban e como o facían. Ademais faremos un estudo dos ósos dos animais que se atopen para averiguar que comían e como o facían”, engade o arqueólogo. E porán especial atención nos restos cerámicos que se atopen, na procura de ánforas.
“O Castro de Valencia do Sil é único por moitos motivos. Un deles é a presenza dos Escarvadores, e agora temos a oportunidade de coñecer a súa historia, un momento da historia que non se coñece aquí nin noutros puntos de Galicia”, indica Tejerizo.
A súa primeira xornada de escavación coincidía coa visita guiada organizada polo Concello do Barco polo castro e os participantes na mesma tamén se achegaban ata a zona onde traballa o equipo de Sputnik Labrego. A intervención poderá ser visitada polo público entre as 10:00 e as 17:00h.
Fotos: A.R.