Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Carmen Lomana e Cristina Bermúdez resaltan a “calidade” do comercio ourensán

A mediática empresaria e a instagrammer ourensá abren as xornadas “Ourense é comercio” incidindo na importancia de crecer utilizando as ferramentas TIC

As Xornadas “Ourense é comercio” estreábanse na tarde do 5 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel rexistrando unha alta participación. A mediática empresaria, Carmen Lomana, e a exitosa instagrammer ourensá, Cristina Bermúdez, foron as encargadas de iniciar a programación de charlas que organizou a Federación de Comercio de Ourense, baixo a nova directiva liderada por Beatriz Gómez Valcárcel, que exerceu como anfitrioa. As poñentes, moi relacionadas co mundo das compras e da moda, coincidiron nas súas intervencións ao subliñar a “calidade” do comercio en Ourense e animaron aos comerciantes a crecer utilizando as potencialidades que ofrecen as ferramentas TIC: redes sociais, venda on line…

Baixo o título “Novos xeitos de comprar”, a primeira charla das xornadas xirou arredor da importancia de estar nas redes sociais. Nese contexto, Bermúdez animou a “saír da zona de confort” e incidiu na importancia de saber estar no mundo virtual. Tamén Lomana falou da beleza da cidade das Burgas e da estrutura comercial que se estende pola zona vella, “dá gusto ir de compras por aquí, ao estar practicamente todas as tendas concentradas en dúas rúas”.

Pola súa banda, Gómez Valcárcel estreábase como presidenta da Federación de Comercio de Ourense de xeito oficial. Ante autoridades e público, deu a benvida ás poñentes ás xornadas e agradeceu a confianza depositada recentemente pola entidade tras a renovación da directiva.

Artigos relacionados

Back to top button