ConcellosO BoloÚltima hora

Carta dos veciños de Celavente (O Bolo) afectados polo lume, á conselleira de Vivenda

 

Veciños de Celavente afectados polo lume./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Hai uns días, o pasado luns 8 de setembro, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reuníase cos veciños de Celavente (O Bolo) afectados polos lumes. Os mesmos que lle entregaban esta carta.

En Celavente non arderon vivendas habitadas, si arderon casas esquecidas cubertas de hedras e silvas, construccións en ruinas, soutos, viñas, reboleiras, o noso monte, a nosa fauna, o noso matorral, as nosas pedras cos seus ecosistemas asociados… Non ardeu máis gracias a persoas voluntarias doutras parroquias, que puxeron os seus ollos vixiantes, as súas mans e traballo e os tractores cisterna, porque o persoal de incendios estaba sobrepasado. Tivemos dentro do malo, sorte, porque noutros pobos perderon ademáis o seu modo de vida.

Quero creer, que vostede, só que teña un pouco de empatía poderá entender como nos sentimos: enfadad@s, con impotencia, esquecid@s e ciudadan@s de segunda, anque tamén pagamos impostos.

Empatía señora Conselleira. É certo que somos produto das nosas circunstancias. A nós sáltannos as bágoas e penamos ao ver en brasas as árbores que con agarimo plantamos e coidamos, ao ver arder todo aquilo que mimaron @s nos@s antepasad@s, ao ver a paisaxe carbonizada e os animais chamuscados ao igual que o noso modo de vida. Choramos si, porque vemos morte onde hai uns días había vida.

É fácil, hai que pensar no que un ama, imaxinar que o perde e o que se sente ao perdelo e… nin se aproxima ao que en realidade é.

 

Unha veciña de Celavente lendo a carta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O dano está feito, agora toca procurar que non volva acontecer ou ao menos deste xeito e para iso hai que tomar medidas. Cada zona, coma as persoas, ten as súas necesidades e circunstancias. A nosa parroquía precisa:
– Zonas perimetrais nas poboacións, con maiores distancias das que reflicte a lei de incendios, debido á forte pendente e a voracidade dos lumes nos últimos anos. Zonas limpas de vexetación con continuidade e libres de especies pirófitas.
– Camiños limpos e cortalumes estratéxicos para atacar os incendios con seguridade e efectividade.
– Eliminar vivendas en ruínas e xestionar as abandonadas nos núcleos de poboación, debido ao perigo que supoñen para a seguridade de bens e persoas.
– Dispoñer de medios precisos e eficientes para poder cumprir coa lei de prevención de incendios e poder manter as nosas propiedades limpas en caso de que o propietari@ non poida facelo por idade, saúde ou tempo.

Son 4 cousas, seguro que se poden facer máis, ou distintas, pero hai que sentarse, falalo, planificalo e poñelo en marcha xa.

O que perdemos, tardaremos décadas en recuperar parte, outra parte xa se perdeu, eso si, a porcentaxe de pedras a arder no próximo incendio será maior.

E por encima, no meu caso, ademáis de veciña afectada son brigadista do Servicio de Incendios Forestais da Xunta de Galicia, aquí quero recoñecer o traballo e esforzo d@s meus compañeir@s, neses días de loucura e sobre todo @s que fóra da súa xornada laboral, acumulando cansancio foron de forma voluntaria a botar unha man onde facía falta.

Aquí tamén podemos facer unha reflexión, sempre constructiva, que é a maneira de avanzar.
Só quero sinalar uns puntos que moitos traballador@s pedimos a berros. Pedimos:
– Máis prevención para poder loitar contra os incendios con seguridade e efectividade.
– Que as brigadas sexan de cinco componentes. Isto supón cubrir xubilacións, baixas e vacacións, sendo esta unha medida que favorecería o asentamento da xente nova no rural.
– Eliminar diferencias entre persoal laboral e funcionario, sendo prioritario a constitución de brigadas de 5 compoñentes. Isto levaría a aproveitar recursos e ganar en efectividade.
– Reabrir torretas de vixianza fechadas (sustituidas por cámaras de vixianza), mellorando a localización e comunicación disminuindo así o tempo de reacción, imprescindible para coller o incendio o máis pronto e co menor tamaño posible.

E sen máis isto ven a ser unha exposición de necesidades e inquedanzas coa pretensión de atopar entre tod@s unha solución.

Quen estamos en primeira liña, somos os que vivimos no rural, na natureza, de momento… e perder, perdemos tod@s, anque a nosa ignorancia non nolo deixe ver.

Texto: Xunta de Veciños de Celavente.

Back to top button