ConcellosEn portadaÚltima horaVilariño de Conso

Case 1,5 millóns de euros en investimentos para mellorar o Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso)

Así o adiantaba a conselleira de Medio Ambiente nunha visita realizada hoxe a este espazo protexido, na que ademais anunciaba a creación dun miradoiro do Río Pequeno

 

Ata o Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso) desprazábase esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Alí, no centro de interpretación deste espazo protexido era recibida pola alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, quen lle expresaba o seu agradecemento polo labor que “está facendo. Neste caso Vilariño ten moito que agradecerlle a esta consellería e aos seus investimentos”.

No decurso desta visita a conselleira de Medio Ambiente anunciaba o desenvolvemento dun proxecto de rexeneración no parque e outro deste tipo, pero centrado no que son os seus inmobles en si. Así destinaranse preto de 1,5 millóns de euros a varias actuacións de conservación e mellora deste entorno protexido.

“Imos centrarnos en dous eidos, por unha banda, a restauración ecolóxica que supón podas e sementeiras para seguir obtendo ese mosaico natural que antano tiña o parque e que foi desaparecendo co paso dos anos, pero tamén plantacións de máis de 18.500 carballos e acrivos no parque para seguir ampliando esas especies autóctonas e que crean esa biodiversidade que tanto anhelamos cara un parque resiliente e gran biodiversidade. Por suposto falamos tamén de corredores ecolóxicos para que poida descorrer a fauna e tamén de certas balsas porque temos máis de 100 km de estradas con grandes pendentes e hai erosións que temos que frear de cara aos nosos ríos”, dicía Ángeles Vázquez.

 

 

Algo máis de 1 millón de euros —o maior investimento realizado polo Goberno galego no Invernadeiro— destinarase a obras de rehabilitación enerxética das edificacións do complexo do Centro de recepción e interpretación do parque, no marco do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep). Dado que se trata de edificacións de máis de 20 anos de antigüidade, cómpre levar a cabo unha serie de melloras para a redución de ata o 90% das emisións de CO2 e do 80% do consumo de enerxía primaria non renovable.

 

 

“Contamos con construcións nas cales temos que ser eficientes dende o punto de vista enerxético e tamén frear as emisións de CO2 e polo tanto eses investimentos van supor acometer obras en fachadas, tellado e sistemas eléctricos de cara a acadar a redución do 90% de emisións de CO2 e prescindir nun 85% desa enerxía primaria non renovable. Este é o vivo exemplo do que temos que facer no noso campo ambiental con investimentos que sen dúbida son importantes e agradecendo ao persoal do parque todo o traballo para que no día de hoxe puideramos presentar eses dous proxectos”, engadía a conselleira.

Nesa liña, está previsto intervir sobre catro inmobles do complexo cos seguintes obxectivos: mellorar o illamento térmico tanto interior como exterior; a instalación dun falso teito na planta baixa, de ventilación mecánica e de recuperadores de calor para mellorar a calefacción das edificacións; e a substitución de carpinterías, de paneis solares e da iluminación actual por unha enerxeticamente eficiente con LED.

 

 

Accións de protección e conservación

Por outra banda, a conselleira salientou que se destinan 400.000 euros a “impulsar accións de protección fronte a ameazas que poidan incidir na conservación e a perda de biodiversidade de hábitats e especies, como poden ser o cambio climático ou a proliferación de especies exóticas invasoras”.

Para contrarrestar eses riscos, a Xunta está a promover accións para a mellora de hábitats de matogueira, a restauración ecolóxica forestal a través de balsas de decantación para frear arrastres de sólidos e a realización de plantacións e sementeiras de vexetación autóctona. A maiores, créanse corredores ecolóxicos, recupéranse especies de hábitats de interese comunitario e auméntase a conectividade de ecosistemas eliminando a estrutura do antigo peche para gamos.

“Todo isto axudará a reducir os impactos negativos e mellorar a resiliencia do medio fronte ao cambio climático e as actividade humanas, permitindo asegurar a conservación deste espazo natural”, aseverou Ángeles Vázquez, quen tamén avanzou que, de cara ao ano 2023, está prevista a creación dun miradoiro do río Pequeno.

 

 

 

Ademais, co obxectivo de mellorar os servizos aos visitantes, ao longo de 2022 elaboráronse novos paneis informativos para a mellora da sinalización das rutas e áreas do parque e contratouse un servizo de atención ao público así como o desenvolvemento de campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sostible e de educación ambiental.

Para concluír, a conselleira fixo fincapé na aposta da Xunta por “poñer en valor a paisaxe, reordenar o fluxo de visitantes e garantir a protección dos recursos do Parque Natural do Invernadeiro”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button