DeportesÚltima hora

Case 200 participantes de 12 provincias competían na “Xurés Bike Tour”

 

Uns 200 participantes procedentes de 12 provincias e do norte de Portugal participaban neste domingo na terceira edición da “Xurés Bike Tour”. Este é un evento deportivo, organizado polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, que se desenvolve en tres etapas para amosar a través do ciclismo de montaña, os recursos naturais e patrimoniais dos municipios de Bande, Lobios, Muíños e Montalegre. A proba, que comezou onte, remataba hoxe en Muíños coa entrega de premios, acto ao que asistiu a xerente do Inorde, Emma González, e o e o tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes do Concello de Muíños.

Esta proba competitiva en bicicleta de montaña celebrouse nun formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dous tipo maratón e unha CRL). Os participantes puideron competir na mesma de xeito individual ou por parellas.

Os gañadores absolutos da proba foron na categoría masculina Javier Cao Costoya, na feminina foi Raquel Saqués Salgado; e na modalidade por parellas mixto fixéronse co primeiro posto Santiago Pazos e Silvia Sanz.

A primeira etapa da proba tivo unha distancia de 38 km que comezaron na praza do Concello de Bande, con 900 metros de desnivel positivo. A segunda etapa -celebrada o sábado pola tarde- contou cun tramo de 9 km, unha cronoescalada con saídas cada minuto. A saída foi desde Lobios e a chegou á parroquia de Saa. Por último, a terceira etapa que se disputou hoxe, tivo a súa saída e chegada no Complexo do Corgo, cun percorrido de 62 km cun desnivel positivo de 1.500 metros que levou aos deportistas por zonas de gran valor natural e patrimonial como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem. A saída foi en conxunto e os primeiros 4 km foron neutralizados.

“A provincia de Ourense demostrou, unha vez máis, que é o escenario idóneo para acoller probas deportivas que contribúen a dinamizar social e economicamente os municipios polos que transita, sobre todo, con este tipo de eventos pensados non só con fins deportivos, senón para alongar a estadía dos turistas que nos visitan para que poidan coñecer os principais recursos de Ourense representados na marca turística “OU”: patrimonio, termalismo, natureza, e enogastronomía”, destacan dende o Inorde.

 

Artigos relacionados

Back to top button