
Un total de 22 comparsas están inscritas para participar no Desfile de Entroido que terá lugar nas rúas do Barco de Valdeorras o martes 4 de marzo, a partir das 17:30 horas. “Serán case que 600 persoas e contarase coa animación de dous folións e a charanga Os Pendello”, adiantan dende o Concello. Ao terminar o desfile, que como sempre irá do Hospital Comarcal ata a praza Maior, terá lugar o baile, que estará amenizado polo DJ Fru e Barrancas.
As actividades no Barco comezarán o luns 3 de marzo, co Entroido Infantil, que terá lugar a partir das 18 horas no Pavillón de Deportes da rúa España. A festa contará con animación de picadiscos, espectáculo de paiasos e fotomatón con fotocall. O martes será o desfile e o mércores celebrase o Enterro da Sardiña, coa colaboración de Gargallada Teatro. Será ás 20:30 horas na praza Maior, e ao finalizar haberá pan e chourizo para todas as personas que participen no Enterro adecuadamente vestidas para a ocasión.
Ademais, este ano volve celebrarse o Entroido de Éntoma. será o luns, 3 de marzo. As participantes no grupo de Fiando a Memoria, posto en marcha polo Concello, celebrarán a partir das 16:30 horas diferentes actividades: encontro comunitario, ruada de furracas e resto de personaxes do Entroido de Éntoma, fariñada sen glute e merenda compartida.



