A IXP Castaña de Galicia é un dos consellos reguladores desta comunidade que conta con presenza na XXIX edición de Salón Gourmets en Madrid, que se desenvolverá ata o 16 de abril. Ademais participará no programa de catas e degustacións dos produtos do mar e da terra que se levarán a cabo neste certame.
Así, na mañá do luns 13 de abril a castaña galega era unha das participantes na acción “Sabores da nosa terra”, xunto coa tenreira galega, o lacón galego, a pataca de Galicia, os grelos, o pan de cea ou os viños da Ribeira Sacra. Xa pola tarde, no marco da acción “Tesouros do interior” xogábase tamén coa castaña, xunto co mel galego, o requeixón das Neves ou o viño Tostado da D.O. Ribeiro.
Para o mércores estaba tamén prevista unha nova degustación, da man de Héctor López, co título “Parellas de tradición”, coa participación da IXP Tenreira de Galicia, da IXP Castaña de Galicia e da D.O. Valdeorras.