DeportesÚltima hora

Castrelo de Miño sitúase ao grande no mapa do remo mundial

A mellor posición de España foi na clasificación feminina (4º) mentres que na masculina acabou décima

 

A Coupe de la Jeunesse rematou hoxe con dous claros gañadores. No apartado deportivo, Gran Bretaña, que se fixo co maior número de puntos e medallas. No outro, Ourense e Castrelo de Miño, cuxo desafío era mostrar a súa capacidade organizativa e a calidade das súas instalacións. E aquí a vitoria foi tan destacada como os e as remeiras británicas.

Esta edición da Copa da Xuventude de remo abriu definitivamente as portas á celebración de campionatos europeos e mundiais no Parque Náutico de Galicia, tal e como constataron os representantes dos equipos participantes durante todo o día de onte e, especialmente, durante a cea do sábado no restaurante Abadía, do grupo Caldaria, onde atoparon a ocasión perfecta para intercambiar impresións.

 

O delegado da Xunta en Ourense entregando as medallas ao equipo español.

 

Quen mellor o resumiu foi a máxima autoridade dentro da Coupe de la Jeunesse, Gary Harris, que se referiu a esta edición como “un gran acontecemento”. “A miña impresión -engadiu- é que se celebrou nunha magnífica localización e que a organización fixo un grandísimo traballo. As facilidades foron enormes para levar a cabo a competición e tamén para os clubs”. Por todo iso, a conclusión de Harris despois de seguir de preto os tres días da Coupe en Castrelo de Miño é que este campo de regatas superou a proba e “está preparado para acoller probas internacionais”.

En declaracións aos medios trala clausura da competición, o director, José Manuel Rodríguez, deu por cumpridos os obxectivos marcados: converter a Castrelo de Miño e Ourense nunha pista de remo internacional; consolidar o Cerlac, o centro de adestramento de remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, e captar equipos para que veñan adestrar.

 

A selección de Gran Bretaña, gañadora do evento.

 

En canto ás regatas de hoxe, volveu explicitarse o dominio de Gran Bretaña, que foi a gañadora desta edición da Coupe de la Jeunesse, por diante de Italia e Francia, sendo España sexta. A mellor clasificación de España foi na categoría feminina, onde acabou en 4º posto, mentres que na masculina foi décima. Ás catro medallas de onte (dúas de ouro e dous de prata), os equipos nacionais sumaron hoxe tres máis (unha de ouro, unha de prata e unha de bronce).

E así concluíu unha fin de semana no que Ourense converteuse na capital europea do remo, coa participación de 15 países nesta edición da Coupe de la Jeunesse: Austria, Bélxica, República Checa, Francia, Gran Bretaña, Holanda, Hungría, Italia, Irlanda, Noruega, Polonia, Portugal, Suíza, Suecia e España. En total, competiron 120 embarcacións e 250 equipos.

Fotos: Pepe Sampayo e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button