ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Cata e pregón, na segunda xornada da Feira do Viño de Amandi

As adegas gañadoras da cata oficial desta edición eran Viña Peón, Estrela e Val da Lenda

“Non son só as cepas das que tedes que estar orgullosos, ou dese clima que vos regala unha das mellores uvas pra sentir no padal o delicioso manxar do viño de Amandi. Non, o orgullo deste pobo é a súa xente, a pasión coa que defenden o que é seu e durante séculos ninguén lles arrebatou, ese amor que plasman mirando o que son a súas auténticas fillas: as vides; as ollan cun cariño do que nestes días sentín fiumes e envexa; trátanas, cuídanas e se sinten parte do sufrimento que emana en cada unha das súas mans para que da súa uva xurda o viño que hoxe degustamos”. Deste xeito se dirixía aos soberinos Silvia Jato, pregoeira da XXXVI Feira do Viño de Amandi.

Esta presentadora de televisión lucense daba lectura ao pregón cun recinto feiral ateigado de xente e de numerosas autoridades no mediodía do 20 de marzo. Era presentada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, quen na súa intervención lembraba a traxectoria de 36 anos deste certame vitivinícola, no que, “ano a ano, tanto o produto que nos convoca como a celebración en sí, seguen superándose; isto débese a que os adegeiros e viticultores de Sober facedes ben as cousas e sabedes adaptarvos aos novos tempos; estades a facer un produto excepcional que cada ano está presente en máis países e nas cartas de máis dos mellores restaurantes do mundo. Sen dúbida a universalización do viño de Amandi en particular e do da Ribeira sacra en xeral é incuestionable”. Tamén agradecía a presenza de Silvia Jato e confesaba que, “despois de moitos anos con pregoeiros masculinos eu tiña moitísimas ganas de contar nesta festa con unha pregoeira”.

O pregón era un dos actos centrais da segunda xornada da Feira de Amandi, que incluía ademais propostas musicais da man da charanga NBA ou da Banda de Música de Sober, a cata oficial da mostra e entrega de premios da mesma. Desta volta as adegas gañadoras eran Viña Peón, Estrela e Val da Lenda.

Esta edición da Feira do Viño de Sober, que reunía a 23 adegas, estivo ademais dedicada ao Concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra ourensá.

O pregón pode ver no enderezo:
https://www.youtube.com/watch?v=Rfc4rg6zeFQ&feature=youtu.be

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button