Coa XI Xornada Frei Martín Sarmiento, baixo o título “Corullón: un castelo, viñas, soutos, cireixais e zoupeiros”, vén de celebrarase o luns 11 de marzo o Día da Lingua Galega no Bierzo. Vilafranca do Bierzo e Corullón acollen os actos conmemorativos coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e dos 1.112 alumnos e alumnas e profesorado dos 19 centros de ensino adscritos, neses territorios galegofalantes, ao Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria que impulsan a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.
O secretario xeral de Política Lingüística destacou na súa intervención na apertura do intercambio escolar dos centros de primaria que “a festa do galego no Bierzo é tamén a festa dos galegos e das galegas porque é un orgullo e unha boa nova que o noso programa de promoción do uso do galego se consolide e se manteña ano a ano cun número tan importante de alumnado e de centros participantes”.
Tamén aludía ao valor de “que vexamos reforzado o apoio ao labor dinamización desde iniciativas que poidan chegar da man doutras entidades que comparten os mesmos fins de impulso, defensa e promoción do uso do idioma nos territorios galegofalantes do exterior”, en referencia á II edición do Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo, unha iniciativa presentada no marco da xornada na que por segundo ano poderán participar os 14 centros de primaria, 4 de secundaria e a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ponferrada.
Tamén participaban na presentación a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Lourdes Batán; os alcaldes de Vilafranca do Bierzo e de Corullón, José Manuel Pereira e Luis Alberto Cobo, respectivamente; o coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro; o director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación, Jesús Hurtado; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo A. Caurel; o representante do Grupo As Médulas, Francisco Macías; e a presidenta do Instituto de Estudos Bercianos, Mar Palacio.
II Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo
No marco da XI Xornada Martín Sarmiento, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, convócase a segunda edición do galardón Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo co que se busca poñer en valor a figura de Antonio Fernández Morales e os concellos galegofalantes do Bierzo, e ao que poderán concorrer, en tres categorías diferentes, os 19 centros de estudo do galego desta área galegofalante.
Así, á categoría A (Debuxando o poema), poderá presentar o seu traballo calquera alumno ou alumna de ensino infantil ou primario; á B (Contando, poetizando e dramatizando o poema) poderá concorrer o alumnado de ESO e bacharelato; e á C (baixo o mesmo título que a anterior) o alumnado a partir de 18 anos que curse estudos, ben de galego, ben de portugués na EOI ponferradina. En todos os casos o alumnado participante debe estar adscrito ao programa e as creacións seren inéditas, orixinais e inspiradas no poema “O fiandón da aldea” do devandito autor berciano. As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
A iniciativa conta tamén coa colaboración do Consejo Comarcal de El Bierzo, do Instituto de Estudos Bercianos, do Grupo As Médulas, da Real Academia Galega e de Edicións Positivas. O prazo de presentación de propostas rematará o 15 de outubro de 2019. Máis información en http://www.lingua.gal/o-galego/proxectalo/areas-galegofalantes-fora-de-galicia.