Política

“Cen anos de Revolución 1917-2017” na Rúa

A Comisión de Outubro, organizadora do acto na biblioteca, ten previsto editar dous libros e preparar un ciclo de cinema soviético

Neste 2017 cúmprense cen anos da Revolución Soviética polo cal se constituía a Comisión de Outubro, “apartidaria e independente para conmemorar esta vitoria das clases populares”.

O primeiro acto da comisión de Valdeorras, tiña lugar na tarde do sábado 25 de marzo na biblioteca municipal da Rúa, onde se celebraba o acto “Cen anos de Revolución 1917-2017” no que o antropólogo, mestre da Universidade da Coruña e membro da Coordinadora Galega da Comisión de Outubro, Luis Gárate, explicou aos asistentes os paralelismos entre a situación económica e política actual e a de 1917, así coma os avance sociopolíticos, extraordinarios para a súa época, da Revolución.

Tal como explican dende a organización, durante o acto houbo unha serie de intervencións que incidiron no “retroceso democrático e social que estamos sufrindo e na ausencia de solidariedade dos oprimidos e dunha estrutura política forte que, coma fixeran os bolxeviques, poida dar a volta á situación”.

Polo de agora, a Comisión de Outubro ten previsto editar dous libros: un sobre arte revolucionario e outro sobre os avances lexislativos na igualdade de xénero durante a Revolución, así como organizar un ciclo de cinema soviético, polo que é previsible que se realicen máis actos en Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button