EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

A CEO celebra o seu 40 aniversario

Publicidade
O presidente, José Manuel Pérez Canal, aproveitou o acto para pedirlle a Alberto Núñez Feijóo que se axilicen os proxectos de novas infraestruturas de comunicacións na provincia

Os empresarios ourensáns están de celebración. A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) organizou unha cerimonia por todo o alto na cidade das Burgas á que tamén asistiron diferentes personalidades do mundo da política -deputados, senadores e membros da corporación municipal de Ourense-, así como o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o delegado de Defensa en Ourense, Gustavo Doncel; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. Así como os representantes do Poder Xudicial, entre outros.

O acto estivo presidido polo actual dirixente da CEO, José Manuel Pérez Canal, así como polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Confederación Española de Pequenas e Medianas Empresas (CEPIME) e vicepresidente da Confederación de Empresarios Españois (CEOE), Antonio Garamendi; o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Antes de arrancar o acto na sede de Afundación en Ourense, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo acudiu á sede da CEO, na Praza das Damas, para asinar no libro de honra da entidade. Xa en Afundación, o acto arrancou cun vídeo conmemorativo dos 40 anos da CEO, no que facían un repaso por todas a súa actividades dende a súa creación, o 5 de setembro de 1977, até a actualidade, baixo o lema “40 anos de compromiso por Ourense”.

Logo do vídeo, o primeiro en falar foi Pérez Canal, que salientou que neste tempo a CEO “contribuíu á paz laboral entre a patronal, os sindicatos e os traballadores”. Actualmente, o organismo conta con 90 asociacións afiliadas e 9.000 empresas. O presidente fixo referencia ao “compromiso social” da entidade e a súa vocación de “servizo aos traballadores”. Tamén fixo referencia ao apoio á internacionalización das empresas ourensás “coas misións comerciais que fixemos para dar a coñecer os nosos produtos”.

Pérez Canal aproveitou a ocasión para pedirlle a Núñez Feijóo que axude a axilizar as infraestruturas demandadas polos empresarios, como a execución da A-76, que unirá “Ourense con Valdeorras e Ponferrada”, dixo ; a autovía a Lugo, a circunvalación de Ourense e o enlace da A-52 co Polígono de San Cibrao xa que as actuais infraestruturas, asegurou, “non facilitan a comunicación e o desenvolvemento das nosas empresas”. O presidente concluíu o seu discurso mandando unhas palabras de alento “a aqueles empresarios que día a día érguense para buscar un porvir para as xeracións futuras”.

De internacionalización tamén falou o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, que salientou os programa ExportOU e as misións comerciais, ambas levadas a cabo grazas aos convenios asinados polas dúas entidades , reiterando que “a CEO sempre foi unha man tendida” para a Deputación.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou o traballo da entidade na cidade “rehabilitando o actual edificio no que están”, ao que se trasladaron no ano 1998 dende a Casa Sindical no Parque San Lázaro, e asegurou que “non hai mellor política social que a creación de emprego”. Vázquez finalizou o discurso co papel das institucións nese eido: “mediante bonificacións e redución de impostos ás empresas”.

Tras as verbas do alcalde, sucedeuse a entrega dos recoñecementos aos anteriores presidentes da Confederación Empresarial de Ourense. Francisco Rodríguez, presidente de 1993 a 2013; Manuel Cabezas, durante o 1993; Manuel Martínez, que presidiu a entidade entre o 1991 e o 1993; Miguel Ángel Pérez, presidente dende o 1986 até o 1990; Guillermo Collarte, dirixente da entidade entre 1983 até o 1985; foi a súa filla, Berta Collarte a que recolleu o premio. E, finalmente, Emilio Pérez Nieto, presidente do 1977 ao 1983.

E o propio Pérez Nieto foi o encargado de falar por todos os presidentes no estrado. O expresidente fixo un percorrido pola historia da CEO dende os seus inicios: “comezamos con moi poucos cartos”, dixo, e contou como pouco a pouco foron crecendo, “facendo viaxes por toda a provincia, coas infraestruturas daquela, explicando o proxecto” até a actualidade.

O encargado de pechar o acto foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que destacou o afán e a determinación dos emprendedores galegos, “elementos clave da recuperación económica”. Feijóo avalou as súas verbas con datos: “están a contribuír que a economía galega estea medrando por riba do 3%; a que se leven cinco anos consecutivos marcando cifras récord en exportacións, cun incremento do 8% no que vai de ano, e coa segunda mellor balanza comercial de España”.

Feijóo tamén anunciou, con respecto ás infraestruturas demandadas polos empresarios ourensáns, que nos Consellos da Xunta que quedan neste ano “vaise aprobar a licitación do enlace co Polígono de San Cibrao” e dixo que esta semana o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, estará en Galicia e que lle vai trasladar a petición da A-76 e o enlace de Ourense con Lugo, “que son as dúas únicas cidades que nos quedan por comunicar”, asegurou.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button