OurenseÚltima hora

Cerámica de carácter ritual do Bronce, Peza do mes no Museo Arqueolóxico

Trátase dun vaso e cazola, atopados nunha cova de Partovia (O Carballiño), que se presentarán o 16 de marzo ás 20.00 h na sala da exposición de San Francisco

De xeito casual e nunha cavidade granítica no lugar de Grobas do Penedo (Partovia, O Carballiño), membros do Club Espeleolóxico Mauxo de Vigo localizaban dous recipientes cerámicos. Este material chegaba ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense no 2012. Tras estudar estes restos, o este museo vén de escoller o vaso e a cazola da Idade do Bronce de Partovia como “Peza do Mes de Marzo”.  A presentación da mesma terá lugar  o mércores 16 de marzo ás 20.00 h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense).

Recipientes cerámicos -Vaso e cazola- da Idade do Bronce, aparecidos na parroquia de Santiago de Partovia, O Carballiño./ Foto: Fernando del Río/Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Recipientes cerámicos -Vaso e cazola- da Idade do Bronce, aparecidos na parroquia de Santiago de Partovia, O Carballiño./ Foto: Fernando del Río/Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

 

A entrada será libre e no acto intervirá  José Suárez Otero, quen ofrecerá unha explicación sobre estes dous recipientes “de distinta forma e factura que aparecen case que enteiros, aínda que un deles roto ten tempos recentes”, tal e como sinala este autor na publicación sobre a peza realizada dende o museo arqueolóxico ourensán.

 

Ademais pon en relación estas cerámicas coa localizada, tamén de forma casual polo Club de Espeleoloxía Águilas Verdes hai varios anos nunha cova (desta volta caliza) en Pardollán (Rubiá). “Pode que no seu aspecto resulten aparentemente moi distantes, e na factura xa vimos pola cazola de Partovia que tamén. Non obstante, hai unha moi significativa coincidencia
conceptual: ter como modelo os vasos metálicos do Bronce Inicial espallados polas Illas Británicas, a Bretaña francesa e o oeste de Alemaña, ata poder ser considerados verdadeiros esqueomorfos cerámicos destes. Unha condición que no vaso que aquí tratamos resulta aínda máis contundente que no de Pardollán: o colo alto, o corpo acusadamente cónico e a práctica carencia de base, son riscos que atopamos en moitos dos exemplos desa vaixela metálica, pero tamén nos seus álter ego en ámbar”, indica Suárez Otero. Tamén considera que ambos materiais cerámicos tiñan funcións rituais.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button