En portadaSanidadeÚltima hora

Cesa a directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez

Trátase dun cese "a petición propia", segundo o Sergas, e farase efectivo mañá. Este mesmo venres convocarase o posto no DOG o para a súa cobertura

 

Margarita Rodríguez, ata agora directora do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras tres anos ao fronte do Distrito Sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez Blanco “transmitíu á xerencia da Área Sanitaria a súa vontade de liberarse desta responsabilidade, dando por rematada unha intensa etapa, na que asumíu os retos da pandemia e completou os seus principais obxectivos de ampliar e consolidar o cadro de persoal médico, facer realidade as obras de reforma e ampliación do hospital, ademáis dunha renovación histórica do seu equipamento tecnolóxico e mobiliario”, tal e como vén de facer público o Sergas.

Coa aceptación do seu cese, que será oficial mañá e se lle transmitíu persoalmente á comisión de centro, a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras desexa facer público o “agradecemento a súa labor, así como o seu compromiso por continuar esta liña de crecemento e consolidación, que marcará sen pausa os obxectivos da próxima etapa, coa publicación este mesmo venres no DOG da convocatoria para a cobertura deste posto”.

Na nota de prensa na que o Sergas informa deste cese tamén se di que “durante o período de xestión de Margarita Rodríguez coordináronse, desde a Consellería de Sanidade, iniciativas longamente demandadas desde Valdeorras, para dar resposta ás necesidades endémicas de especialistas no Hospital, comúns a outros centros comarcais: Priorizar a cobertura de prazas, tanto en atención primaria como especializada”.

En paralelo, “fomentáronse iniciativas para consolidación do cadro de persoal, que culminou coa incorporación en 2022 de 20 novos especialistas, algúns de servizos tan esperados como traumatoloxía, medicina interna, rehabilitación, anestesia, ou pediatría, entre outras, ademais de recuperar a figura do coordinador cirúrxico”, continúa o comunicado.

Así mesmo, indícase que as condicións e medios de traballo, “tanto en atención primaria como no hospital, tamén deron un salto cualitativo no Distrito de Valdeorras. En concreto no hospital están en execución investimentos da Xunta de Galicia por valor de tres millóns de euros, entre as obras de ampliación e mellora, equipamento sanitario e tecnolóxico. Ao novo arco cirúrxico, aos ecógrafos, a renovación de lámpadas de quirófano, súmase material tecnolóxico destinado a servizos como cardioloxía, xinecoloxía, oftalmoloxía ou dixestivo, ademais da plena renovación do mobiliario das habitacións”.

En breve sumarase, ao novo Hospital de Día Onco-Hematolóxico, unha renovada Farmacia, a nova Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria e as modernas Consultas Externas. Uns cambios nos que a dirección da área sanitaria “congratúlase de continuar contando coa profesionalidade e experiencia de Rodriguez Blanco como técnica”.

Artigos relacionados

Back to top button