PolíticaÚltima hora

César Fernández, elixido presidente do PP de Ribadavia, márcase o obxectivo de recuperar a alcaldía

A clausura do cónclave contou coa presenza do presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado

 

César Fernández Gil vén de ser elixido presidente do Partido Popular de Ribadavia no congreso local extraordinario celebrado esta tarde na capital do Ribeiro, cónclave no que lograba o apoio unánime dos compromisarios e ante os que se marcou “como obxectivo irrenunciable recuperar a alcaldía para o PP nas eleccións municipais de maio de 2023”. Fernández Gil repite así un novo mandato á fronte dos populares de Ribadavia, etapa na que estará acompañado por unha directiva que integran dezasete persoas “e á que se incorpora máis mocidade para facela partícipe deste proxecto político”.

O congreso local, ao que asistiron preto dun cento de persoas, contou coa presenza da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e do presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, que participaron no acto de clausura.

“En vinte meses de mandato, César Fernández foi quen de ofrecer a Ribadavia un goberno estable, sólido e crible, cun alcalde formado, respectuoso e dialogante”, dixo Manuel Baltar na súa intervención, afirmando que “estes son os valores que defendemos desde a nosa formación”. O presidente dos populares de Ribadavia, engadiu Baltar, “encarna ademais un dos nosos principios básicos, como é unha política baseada no respecto institucional, de achegamento e colaboración co resto das administracións”.

Manuel Baltar emprazou aos afiliados a que sigan traballando con rigorosidade para conseguir “unha Ribadavia mellor”, destacando que todo pasa por “facer máis forte o partido para conseguir de novo un goberno estable que converta á vila e a todo o concello en referencia para Galicia”.

Pola súa banda, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o proxecto “estable, forte e útil” do PP fará que Ribadavia gañe a partir do 28 de maio de 2023, día das eleccións municipais, engadindo que só César Fernández pode ofrecer o goberno que precisan os seus veciños.

 

 

César Fernández: “Imos pedirlle á veciñanza que nos dea o seu apoio para conseguir unha maioría clara”

“Hoxe renovamos o noso compromiso coa veciñanza de Ribadavia”, afirmou César Fernández trala súa reelección. Un reto que para o xa presidente local do PP ten que pasar necesariamente “por continuar o proxecto político que iniciamos tralas eleccións de 2019, poñendo en marcha un goberno perfectamente lexitimado para avanzar no progreso do municipio, pero que truncou un pacto de despacho entre grupos que hoxe nin se falan”.

Fernández advertiu que se perderon moitos meses de traballo “e cómpre devolver a Ribadavia e á súas xentes o orgullo de pertencer a unha vila cunha gran historia, recuperando o liderado dunha comarca de enorme peso na provincia como O Ribeiro”. Na procura deste obxectivo “imos pedir á veciñanza que nos dea o seu apoio para conseguir unha maioría clara, sen dependencias de ningún tipo”.

Para afrontar estes retos “non van faltar ganas, ilusión e moitas doses de compromiso”, engadiu o presidente local do PP, que agradeceu a confianza da dirección provincial na persoa de Manuel Baltar e o apoio mostrado polo PP de Galicia coa presenza de Paula Prado.

Artigos relacionados

Back to top button