En portadaSanidadeÚltima hora

“Chamamos á poboación á concentración do 30 de xuño ás 20:30h. diante do HPV para que defenda a súa saúde”

A Xunta de Persoal do hospital valdeorrés manterá as concentracións en "defensa dunha sanidade digna" os xoves deste mes diante do hospital, pero a do 30 de xuño será pola tarde

 

Na necesidade de dotar ao Hospital Público de Valdeorras de especialistas volvía incidirse na concentración “por unha sanidade digna” celebraba novamente neste xoves e convocada pola Xunta de Persoal deste centro sanitario. “Seguimos na mesma situación, seguen faltando 20 especialistas do hospital comarcal e non hai ningunha previsión de contratación, a única cuestión é o anuncio dos contratos coa obriga de vir aos hospitais comarcais con máis deficiencias nas especialidades de Medicina Interna, Traumatoloxía e Radioloxía, pero nós seguimos dicindo que o problema do HPV segue sendo estrutural e seguimos tendo menos especialistas que incluso cando empezou a gobernar o PP en Galicia no 2009/2010, nos propios orzamentos do 2010 contemplábanse máis especialistas dos que hai hoxe, polo tanto, que non nos veñan a contar que non hai recortes, o que non hai é predisposición a dotar aos hospitais comarcais e máis concretamente ao de Valdeorras de especialistas”, resaltaba Víctor Pariente, presidente da Xunta de Persoal do hospital valdeorrés.

Ademais, Pariente aseguraba que “seguimos dicindo que o problema é estrutural, non puntual. Non é puntual que non haxa traumatólogos, non é puntual que non haxa radiólogos, internistas, patólogos, anestesistas… porque vimos padecendo isto durante os 10 últimos anos”. E ese problema, a xuízo de Pariente, “é que a calidade do traballo na sanidade no seu conxunto e dos especialistas en particular, é malo, e iso é o que realmente hai que corrixir, hai que dotar ás prazas de orzamentos e de condicións de traballo dignas, esa é a solución. Mentres non o queiran ver, os especialistas formaranse en Galicia e marcharán para outras comunidades como está a acontecer, e se é acuciante nos hospitais, é máis acuciante aínda na Atención Primaria, que é a que ao final vertebra á sociedade desa Galicia baleirada. Todos os cidadáns que viven no rural teñen os mesmos dereitos que o resto dos cidadáns polo tanto, ese é o problema que te que abordar a Xunta de Galicia a través do Sergas, mentres non o faga, seguiremos nesta situación”.

Dende a Xunta de Persoal tamén se adiantaba que se vai continuar nos xoves do mes de xuño con estas concentracións os próximos xoves e imos rematar esta serie de concentracións. Matizando ademais que a do xoves día 30, será ás 20:30h. diante do hospital. “Chamamos a toda a poboación para que defenda a súa saúde, o hospital é o vehículo que xera saúde”.

Finalmente, Víctor Pariente indicaba que en Valdeorras “é onde empezan a exportar, por desgraza, os problemas da sanidade en Galicia, é a comarca que máis ten sufrido os problemas da sanidade e este goberno nunca quixo solucionalos”.

Ademais de veciños e persoal sanitario, nesta concentración había diversos representantes municipais así como diferentes representantes políticos do PSdeG, como o seu secretario xeral, e do BNG.

Artigos relacionados

Back to top button