SanidadeÚltima hora

Charla coloquio no Barco sobre a lactación materna nos primeiros días, o 21 de xuño

Esta organizada por De Nai a Nai e será impartida por Lorena Prada, enfermeira-IBCLC

Lorena Prada durante unha charla anterior sobre lactación materna./ Foto: A.R.

 

En xuño continuará o programa de actividades da Asociación De Nai a Nai do Barco. Así para o mércores día 21 deste mes está prevista unha charla sobre a lactación materna nos primeiros días, a cargo de Lorena Prada Fernández, enfermeira-IBCLC. Será no edificio da biblioteca do Barco no 4º piso, ás 17:30h. A entrada é libre e gratuíta.

“Nesta charla sobre lactación materna nos primeiros días, abordaremos as dificultades comúns que poden xurdir e como superalas. Recoñecemos que o apoio da parella é fundamental neste proceso. Cando nos convertemos en nais, experimentamos cambios profundos no noso rol e isto ocorre nun momento de vulnerabilidade, o posparto. É crucial comprender os cambios que suceden, como e por que ocorren, para comprender as nosas experiencias neste momento”, explica Lorena Prada.

Así mesmo, a ponente indica na sociedade actual “a lactación materna foi pouco practicada durante décadas, e ante calquera dificultade, recorreuse á fórmula como solución, perpetuando mitos totalmente erróneos. Discutiremos algúns destes mitos e como enfrontar os consellos prexudiciais para a lactación”.

 

 

Outra das cuestións que se abordará será a importancia de “crear unha contorna tranquila, libre de interferencias externas e promovendo o vínculo entre nai e bebé, é esencial para establecer unha lactación exitosa. A lactación debe ser a demanda, o cal pode resultar esgotador para a nai, polo que é importante prestar atención ao seu descanso e benestar”, indica Lorena Prada.

A charla tamén incidirá na relevancia de recoñecer “os signos de fame do bebé, así como os signos dun bo agarre e unha inxesta adecuada. Estes aspectos son fundamentais no comezo da lactación materna e sentarán as bases para unha experiencia satisfactoria. Prestar atención e comprender estes signos permitiranos responder de maneira adecuada ás necesidades do noso bebé e favorecer a súa alimentación e desenvolvemento saudables”, resalta a ponente.

Artigos relacionados

Back to top button