EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Cheo absoluto nas actividades do programa alternativo á Feira do Viño de Monterrei

Unha das catas incluídas no programa de actividades./ Cedida.

 

As actividades alternativas, organizadas polo Consello Regulador da D.O. Monterrei, para conmemorar a celebración da Feira do Viño de Monterrei alcanzaron o 100% de ocupación. Ao longo das últimas xornadas, actividades como accións formativas en viticultura ou catas cubriron todas as prazas dispoñibles inicialmente, chegando mesmo a contar con lista de espera para participar nelas.

“Cumpríronse as expectativas iniciais, así que estamos moi satisfeitos, porque se trataba de accións destinadas ao público final, o consumidor, e durante todas as actividades comprobamos que son proactivos, preguntando sobre elaboracións, variedades ou historia”, recoñece a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, “de feito ao longo desta mañá recibimos numerosas chamadas, de participantes nas actividades, demandando información para adquirir os viños tintos e brancos que se elaboran na denominación”.

Entre o público asistente a estas actividades, ademais de veciños da comarca, tamén se contou con participantes doutros lugares do país, como Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco, Castela e León, Cataluña e, por suposto Galicia. “Para nós foi satisfactorio escoitar como moitos asistentes indicábannos que gozaban consumindo viños de Monterrei nos seus lugares de orixe, incluso solicitándollos a nosas propias adegas, e que a información recibida na nosa actividades permitíalles ampliar a carta de viños que degustan de modo habitual”, destaca a presidenta.

O calendario alternativo da Feira do Viño de Monterrei contou con actividades como unha xornada teórico-practica de dixitalización en viticultura, neste caso destinada a profesionais do sector vitivinícola, así como catas que permitiron descubrir o potencial de envellecemento dos viños de Monterrei, as harmonías entre froitas e os brancos e tintos da denominación, ou a visita do Tren Turístico do Roteiro do Viño Monterrei.

Mañá martes, realizarase o sorteo de estoxos de viño, entre todos os participantes do concurso # BrindoconDOMonterrei, e será comunicado a través das redes sociais Facebook e Instagram (plataformas nas que promoveu a realización deste concurso). “Foi triste para todo o sector suspender, por segundo ano consecutivo, a Feira do Viño, pero polo menos este ano non nos quedamos cun mal sabor de boca, porque tivemos a oportunidade, aínda en pequenos grupos, de estar á beira dos nosos consumidores, aos que lles agradecemos que nos tiveran en conta non só como destino de interior senón tamén como alternativa lúdica esta fin de semana”, conclúe a presidenta.

Artigos relacionados

Back to top button