No mediodía deste xoves 7 de novembro un particular alertaba ao 112 Galicia de que ardía o tellado dunha vivenda situada na rúa García Barbón, na parroquia de Vences, en Monterrei. “O propio alertador confirmaba que non había afectados e sinalou que o lume comezara na cheminea e acabara pasando á cuberta”, din dende o 112.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción dos Bombeiros de Verín, do GES de Laza, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Cualedro-Monterrei.
“Durante as tarefas de extinción un dos efectivos dos Bombeiros de Verín sufriu unha indisposición, probablemente causada por un golpe de calor, polo que tivo que ser atendido e posteriormente trasladado nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061”, indican dende o 112 explicando que finalmente, “os equipos de intervención indicaron que o lume acabou afectando tanto á cociña como ao teito doutra habitación anexa”.