OurenseSen categorizarÚltima hora

Cheo total na Semana Santa de Parada de Sil

No mosteiro románico de Santa Cristina, de martes a domingo, superáronse as 4.000 visitas, segundo o Concello
Aparcadoiro cheo de coches na pasada Semana Santa en Parada de Sil./ Foto cedida.

Na recente Semana Santa o concello de Parada de Sil volveu a estar a tope de visitantes que percorreron os lugares emblemáticos do concello, nomeadamente os Balcóns de Madrid-Os Torgás, o Mosteiro de Santa Cristina, a Casa Museo de Chocolate, así como a Fábrica da Luz e Pasarela do Mao, entre outros.

Dende o Concello de Parada de Sil aseguran que “no Mosteiro románico de Santa Cristina durante a semana, de martes a domingo, superáronse as 4.000 visitas, cifra que seguramente se queda curta, xa que se venderon 3.300 tíckets nas seis horas e media que está aberto diariamente. Dado que os días son moi longos, seguramente nas horas de mediodía e despois do peche ás sete e cuarto vai moita máis xente como se ve polos coches que pasan”, sinala Paco Magide, concelleiro de Cultura.

Tamén o sector da hostalería “viviu un cheo absoluto”, e o concello tivo que habilitar un aparcadoiro extraordinario nunha finca dun veciño, a quen o alcalde en función Aquilino Domínguez lle agradece a cesión.

Dende o Concello de Parada de Sil considérase que o traballo feito dende o 2007 de “posta en valor do territorio, recuperando o patrimonio abandoado e publicitando o mesmo, dentro do destino Ribeira Sacra, viuse agora reforzado coa proposta de Candidatura a Patrimonio da Humanidade” e amósase “a satisfacción cos investimentos privados, moitos deles millonarios” e agárdanse novos proxectos. Ademais insístese no “agradecemento aos emprendedores que posibilitan que os visitantes, coman e durman, polo tanto consuman e creen postos de traballo en Parada de Sil”.

 

Artigos relacionados

Back to top button