OurenseÚltima hora

A CHMS e o Concello de Oruense avanzan en materia de saneamento dos ríos

As actuacións concentraranse en Velle, no río Barbaña e no río Miño
José Araújo, Jesús Vázquez e Francisco Marín.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo mantiveron na mañá de hoxe, 26 de setembro, unha xuntanza de traballo para avanzar en varios asuntos comúns de ambas as dúas administracións.

Segundo sinalan fontes municipais, o rexedor municipal quería manter esta xuntanza “para explicarlles polo miúdo os contidos dos proxectos aos grupos políticos” e por iso convocou unha xuntanza de voceiros para o vindeiro 2 de outubro.

Durante este encontro de traballo, os tres dirixentes concretaron varios aspectos relacionados co proxecto de saneamento de Velle do que en xaneiro de 2016 se asinara un protocolo de colaboración entre ambas administracións, no que constaban varias alternativas para substituír o sistema actual de fosas sépticas por un sistema que evitase verteduras á canle do Miño que afectan á toma de agua potable da marxe esquerda do río. O investimento previsto para esta actuación ascende a 3 millóns de euros.

“A cooperación institucional permite poñer en marcha proxectos de suma importancia para os veciños da cidade, como é o caso de Velle, unha demanda veciñal desde hai décadas e na que damos pasos firmes e conxuntos para acadalos”, dixo Jesús Vázquez.

Sen saíres dos convenios, esta mañá tamén acordaron firmar outro no que se plasmará a solución técnica máis vantaxosa, consistente na construción dun colector interceptor entre a zona de desaugadoiro de Quintela de Velle e o campo de fútbol de Casixova, que recolla e reduza as augas residuais da zona norte da parroquia de Velle ata o bombeo provisto do depósito de almacenamento de aguas pluviais.

No que se refire ao río Barbaña, estudouse a substitución do actual dispositivo de retención de sólidos e flotantes do aliviadoiro da Ponte Leborna instalando un tamiz automático, como proxecto piloto para que, nun futuro, o Concello de Ourense poida promover unha renovación dos dispositivos no resto de infraestruturas de retención de augas de tormenta que xestiona, “todo isto co obxectivo de evitar a presenza de sólidos e flotantes que orixinan episodios de contaminación nos puntos de alivio”, apuntan fontes municipais.

Este proxecto contempla, ademais, a execución dun circuíto de control que permitirá elixir o modo de funcionamento do equipo entre manual ou automático a partir dos datos de nivel de auga no interior do tanque. O investimento total que supera os 60.000 euros será sufragada na súa totalidade polo Organismo de conca.

Por outra banda, durante o próximo mes de outubro comezarán os traballos de protección das Pozas do Muíño coa reparación do muro exterior que rodea as mesmas, actuacións nas que a CHMS investirá máis de 24.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button