En portadaÚltima hora

Ciclo de conferencias sobre a minería en Valdeorras, no Barco

A primeira charla será impartida polo xeólogo Víctor Cárdenes, o 17 de novembro ás 20h. na biblioteca

Un palé de lousa. /Foto: Carlos G. Hervella.

A lousa, o wolfram e mesmo o ouro, son minerais que se atoparon e/ou atopan na comarca de Valdeorras, e tamén o tema sobre o que xirará o ciclo de conferencias organizado polo Concello do Barco a través da Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán.

A primeira charla, prevista para o vindeiro xoves 17 de novembro, correrá a cargo de Víctor Cárdenes, xeólogo que está investigar o comportamento da lousa co paso do tempo, que vén de facer un novo descubrimento do que falará na conferencia titulada “Todo lo que usted siempre quiso saber sobre la pizarra y nunca se atrevió a preguntar”. A cita será ás 20 horas na biblioteca.

O ciclo continuará o luns día 21 de novembro ás 16h. cunha actividade dirixida aos alumnos de 4º da ESO na que o historiador e investigador Isidro García Tato “desmenuzará a historia que Felipe Rodríguez nos amosou no documental “Lobos Sucios”, orixe da película do mesmo nome”, explican dende a biblioteca. Aínda que está deseñada para o público dos centros de secundaria, a actividade tamén estará aberta a todos interesados no tema. A xornada celebrarase no Teatro Lauro Olmo. Ese mesmo día ás 20 horas, presentarase na biblioteca do Barco unha exposición de mapas e fotografías cedidas por Aurelio Blanco Trincado, que será o encargado de presentar a mostra.

A iniciativa pecharase con outras dúas conferencias. O xoves 24 de novembro ás 20 horas, José Fernández Pérez falará sobre os minerais que se poden atopar na comarca de Valdeorras; e o xoves 1 de decembro, tamén ás 20 horas, Santiago Ferrer Sierra disertará sobre os xacementos mineiros romanos na zona.

Artigos relacionados

Back to top button