OurenseÚltima hora

“Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”, os días 18 e 19 de outubro na Tecnópole

Nas xornadas participarán máis dun cento de escolares dos IES O Couto e As Lagoas de Ourense
Presentación das xornadas aos alumnos das Aulas Tecnópole.
Máis dun cento de escolares de Ourense participarán a mediados deste mes de outubro en dúas xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Tecnópole únese así a outros 13 parques de toda España no marco da iniciativa “Ciencia e Tecnoloxía en Feminino”, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).

Os días 18 e 19 de outubro serán dous grupos do IES O Couto e do IES As Lagoas os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na ESO, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

O programa de actividades deseñado por Tecnópole está protagonizado pola oferta de referentes ás rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous talleres nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía “Que quero ser de maior?”, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.

Artigos relacionados

Back to top button