CulturaCulturaÚltima hora

A cineasta vasca Maider Fernández dirixirá un obradoiro participativo en Verín

A actividade enmárcase na II edición do Festival Internacional de Curtas-Vía XIV que se celebrará en decembro
A cineasta vasca, Maider Fernández.

Achegar o cinema ás persoas é un dos obxectivos que se marca o Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC) Vía XIV, e para iso deseñou un programa de actividades paralelas que se desenvolverán entre o 1 e o 10 de decembro na capital do Támega. Enmarcado nesa axenda de eventos está o obradoiro específico sobre cinema para todos os públicos, que dirixirá a artista vasca Maider Fernández, cuxos traballos teñen sido estreados en decenas de festivais (San Sebastián, Málaga ou Sevilla) gañando varios premios.

Baixo o título “Achegar o cinema ás persoas”, a actividade desenvolverase entre o 1 e o 3 de decembro cun dobre obxectivo: dar a coñecer aos participantes autores e películas que se fixeron con ferramentas que todos temos ao noso alcance; e que cada asistente poida elaborar unha curtametraxe con imaxes e videos domésticos captados desde o seu propio teléfono móvil. “Porque o mellor xeito de coñecer algo é facéndoo e, por iso, é importante ofrecer aos participantes e espectadores do FIC Vía XIV unha aproximación práctica a esa outra forma de facer cinema”, destaca Carlos Montero, director do Festival.

Os interesados en participar neste obradoiro teórico-práctico, de 12 horas de duración, poden inscribirse na web do Festival: http://ficviaxiv.com/es. O prezo por inscrición é de 30 euros (20 no caso dos estudantes).

Outra das actividades destacables da segunda edición do FIC é unha retrospectiva da Nouvelle Vague, que se desenvolverá entre o 4 e o 8 de decembro. O ciclo pretende realizar unha sinxela aproximación a algún dos directores que marcaron esta corrente, amosando títulos de distintas etapas e con temáticas e estilos moi heteroxéneos. “Trátase de reflexionar sempre sobre o seu lugar na historia do cinema e a percepción da súa figura hoxe”, explican dende o festival.

Neste ciclo intervirán o crítico galo Nicolas Azalbert, que traballa na revista francesa Cahiers du Cinéma; e Víctor Paz, licenciado en Xornalismo pola Universidad de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button