Do 23 ao 28 de agosto máis dunha vintena de comercios do Barco uniranse á campaña Barcoutlet, organizada pola asociación Centro Comercial Aberto (CCA) que poñerá punto e final ás rebaixas de verán con grandes descontos en produtos da tempada estival.
“Os establecementos participantes, pertencentes a diferentes sectores de actividade, ofrecerán aos seus clientes produtos a prezo de outlet durante toda a semana. Estes situarán un espazo nas súas tendas con artigos moi rebaixados, ou os exhibirán no exterior dos seus locais, colocados en burros ou mesas na beirarrúa; sen entorpecer o paso aos peóns”, sinalan dende o CCA, que preside Jacobo Arias.
Os clientes poderán identificar os comercios participantes a través dun cartel promocional, ou consultar a información da campaña na páxina web www.obarcoccaberto.com.
Ademais durante o Barcoutlet, a batucada Latexo Percusión percorrerá as principais rúas do Barco animando o espazo comercial e de lecer. A actuación está fixada para o venres 27 de agosto a partir das 19:00 horas.