O Festival de Teatro Internacional de Ourense (FITO) ten hoxe, 13 de outubro, dúas citas no Auditorio Municipal.
A primeira será coa compañía galega Contraproducións, ás 20:30 horas, que presenta o seu espectáculo “Nacidas Libres”. Unha representación que nace a partires dunha nova dos xornais nas que tres monxas indias están retidas contra a súa vontade nun convento de clausura de Santiago.
As catro actrices van argallando un espectáculo en múltiples planos no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura e dinamismo, emoción e pinceladas de humor, entran no xogo argumental do caso, pero tamén en múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos dende a perspectiva de xénero: desigualdade, ilusión de liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración…
A segunda representación saltará ao escenario ás 23:00 horas. Desta volta serán os estremeños de Teatro del Noctámbulo os que dean un toque de crítica á actualidade con “Contra la democracia”. En concreto son sete obras de “Grand Gignol”, pequenas pezas que mesturan horror e comedia a través de sete visións surrealistas e contundentes sobre un engano colectivo cada día máis escandaloso. O argumento convida a cuestionar algúns aspectos, a preguntarnos se non hai algunha característica que queriamos cambiar.