Co acto de entrega de diplomas concluía na mañá do 26 de marzo o obradoiro de emprego para a mocidade Bibei Frieiras. O acto tiña lugar no Concello de Viana do Bolo coa asistencia dos alumnos participantes, así como do xefe territorial da Conselleria de Economia, Emprego e Industria e dos alcaldes dos catro concellos (Viana do Bolo, A Mezquita, Manzaneda e Pobra de Trives) nos que se desenvolvía esta acción formativa.
Neste obradoiro recibían formación ao longo de seis meses 15 alumnos en dous módulos xardinería e operacións de acabados ríxidos e urbanización. Nel contábase con dous monitores, unha docente de básica, unha administrativa e a directora. Para levar adiante esta iniciativa a Consellería de Economía aportaba 140.000 euros e os concellos integrantes 26.000 € para un total de inversión de 166.000 euros.
As obras que se realizaron no decurso do obradoiro foron o acondicionamento e recuperación de parque infantil en Viana do Bolo, melloras nas piscinas da Mezquita, a adecuación do entorno das piscinas de Manzaneda e a rehabilitación dun parque en Trives.
O alcalde de Viana, Secundino Fernández, destaca “o importante da formación teórica e práctica que recibiu este grupo de menores de 30 anos, o que lles permite obter unha titulación profesional que lles capacita para poder optar a novas saidas laborais. Ao mesmo tempo recibiron unha prestación económica”. Tamén incidía o rexedor no “elevado grao de cumprimento dos obxectivos previstos, así como a realización das obras previstas no obradoiro aprobado”.