En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Clon Bois e Doctor Queen fan vibrar á Rúa

Centos de persoas asistían aos concerto de rock das Festas de Verán

Non podía ser doutro xeito e ao ritmo de The Show Must Go On, coreado por centos de persoas, Doctor Queen pechaba na madrugada do 3 de agosto un multitudinario concerto no que o público vitoreou e cantou ata o último tema da mítica banda de Freddie Mercury.

Considerada como un dos mellores grupos tributo a Queen, a banda arxentina liderada polo cardiólogo Jorge Busetto prometía calidade e espectáculo no venres das Festas de Verán na Rúa, e non defraudou. Dende os míticos We Will Rock You, Sombody To Love, Another One Bites The Dust, I Want To Break Free ou Bohemian Rapsody ata outros menos coñecidos como Love Of My Live ou Killer Queen, ao longo de máis de dúas horas Busetto e a súa banda fixeron un completo percorrido pola extensa e incomparable carreira musical de Queen, interpretando asemade temas doutros grandes do rock como David Bowie.

 

Concerto de Clon Bois na Rúa.

 

Doctor Queen subíase ao escenario despois da actuación do grupo local Clon Bois que quentaba o ambiente coas súas potentes versións de clásicos do rock internacional de grupos como The Police, U2, Bruce Springsteen ou os mesmísimos Rolling Stones, entre outros moitos. O grupo nacía no ano 2015 e está formado por Suso da Rúa (batería), Ramiro do Barco (voz), Óscar de Chandoiro (baixo), David da Rúa (guitarra) e Félix de Trives (teclados).

A festa na Rúa continúa hoxe co triangular de fútbol veterano ás 18h. no Aguillón e a actuación da orquestra Claxxon en sesión de tarde e verbena.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button