EconomíaEconomíaÚltima hora

“Coa crise do coronavirus a actividade do sector inmobiliario queda reducida a cero”

María Eugenia Delgado, responsable de O Barco Inmobiliaria, analiza as consencuencias do coronavirus na actividade da venda e aluguer de pisos e locais

Exterior da empresa Inmobiliaria O Barco, situada no centro desta vila valdeorresa./ Foto cedida.

 

A paralización na demanda de vivenda, pero tamén nos alugueres de pisos e locais son os primeiros e rápidos efectos da emerxencia sanitaria do coronavirus no sector inmobiliario. “Esta crise foi máis acelerada que outras que xa vivimos, supuxo, de repente, ter que pechar e unha parálise para todos”, comenta María Eugenia Delgado, responsable de O Barco Inmobiliaria, con sede nesta vila valdeorresa.

Esta valdeorresa poñía en marcha a súa empresa en 1998, “daquela era boom do ladrillo e había moita venda, vendíase sobre plano. Despois chegaba a crise do 2008, que afectou ao sector inmobiliario e financeiro dunha maneira intensa, pero gradual, entre 2008 e 2014. En cambio, a crise actual está afectando á case totalidade dos sectores, estase a producir unha perda de facturación enorme tanto en Pemes como en autónomos, pero eu penso que vai afectar sobre todo ao comercio, servizos e turismo, algo tamén moi relacionado co noso sector. É unha lástima, pero é así”, sinala María Eugenia Delgado.

Esta barquense explica como en apenas un mes a actividade do sector “quedou reducida a cero porque o coronavirus comezou a paralizar a demanda da vivenda en venda, o estado de alarma non permite realizar visitas en persoa a pisos en venda, e prodúcese tamén unha paralización no número de chamadas, de correos de compradores… o mercado está parado e eu creo que poucas operacións se producirán nas próximas semanas”.

 

 

Algo semellante sucede no mercado de aluguer de pisos e locais. “Tampouco é posible visitar un local nin unha vivenda, nin entregar as chaves, nin realizar mundanzas, nada. Poderíase traballar de portas para adentro, pero, ¿quen compra ou aluga sen ter visto a propiedade?”.

A responsable de O Barco Inmobiliaria tamén pensa que o “medo a perder o emprego provocará que clientes que agora se estaban plantexando comprar, decidan neste momento seguir de aluguer”. Asegura que hai moita incertidume neste momento, “non se sabe o que vai pasar nuns meses, pero se hai parón na actividade inmobiliaria, tamén o haberá para a sinatura de hipotecas e eu creo que esta situación podería provocar unha caída de prezos. Espero que nun tempo no moi lonxamo poidamos recuperarnos, pero creo que imos tardar, vainos custar”.

María Eugenia Delgado comenta que esta crise colleu ao sector inmobiliario nun momento no que se estaba a recuperar, “estabamos notando unha melloría, pero agora todo se foi abaixo. Veremos que pasa nos seis próximos meses. En moitos sectores a partir de maio haberá que ter liquidez para aguantar carga fiscal, tributaria, aguantar cotizacións, nóminas, gastos fixos… iso tamén hai que contalo”.

Artigos relacionados

Back to top button