As condicións meteorolóxicas destes días e as que se prevén para os próximos poñen o foco dos amantes da neve na Estación de Montaña Manzaneda, cuxos responsables puxeron un círculo ben grande sobre o vindeiro venres, 31 de xaneiro, para sinalalo como “máis posible e probable data de apertura da ansiada tempada de esquí”.
A data de hoxe, “danse todas as condicións para que así sexa: nevou e a previsión é que o siga facendo; ausencia de choiva, coa excepción de mañá, e temperaturas por baixo dos 2,5 graos para os próximos días, polo que a todo iso hai que sumar o traballo dos canóns”, explican dende a estación, indicando que “se nada se torce, as portas da estación poderanse abrir o venres para a práctica do esquí, aínda que a confirmación, así como o número de pistas, non se coñecerá ata mañá ou pasado, como moi tarde”.

De momento, “só un pero: o vento, que está alcanzado velocidades por encima dos 100 quilómetros e así seguirá, sempre segundo as previsións, ata o xoves”. Para venres, sábado e domingo, a previsión é de sol e sen apenas vento.
Precisamente o vento (126 quilómetros por hora) condicionou esta pasada noite o traballo dos canóns, que esta noite volverán poñerse en marcha, mentres os equipos da Estación seguirán traballando no movemento e asentamento da neve, así como na construción de novos cortavientos para facilitar a súa acumulación e retención.