EconomíaEconomíaÚltima hora

COGAMI forma como auxiliares de servizos a 9 persoas con discapacidade do Barco

Desenvólvese na aula Cemit do Concello de luns a venres en horario de 9 a 14 horas

Cedida.

 

As instalacións da aula Cemit do Barco de Valdeorras acollen un curso de “Auxiliar de Servizos” que está a impartir a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Un total de 9 persoas, 5 homes e 4 mulleres, participan nesta formación que contará con 75 horas lectivas impartidas de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.

Este curso forma parte dun Programa Integrado de Emprego que pretende impulsar as condicións de empregabilidade dentro do grupo social das persoas con discapacidade e incapacidade laboral, ademais de favorecer e mellorar as súas condicións de traballo.

Unha das accións que contempla o programa para esta mellora de emprego é a formación, como este curso que está financiado a través dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Cermi Galicia, entidade da que forma parte COGAMI, para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade en Galicia a través dos fondos da Unión Europea Next Generation EU vinculados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), de apoio ao o investimento para lograr unha recuperación sostible, dinámica e resiliente do mercado de traballo.

Algúns dos contidos que se van impartir son sobre operacións auxiliares de almacenaxe, preparación de pedidos e limpeza e tratamento e mantemento de mobiliario interior e solos, segundo informa COGAMI. Rematada a formación teórica, haberá un período de prácticas non laborais en empresas da comarca para poñer en práctica as función realizadas no curso. “Isto suporá unha oportunidade para o alumnado, porque coñecerá a empresa e as tarefas vencelladas a esa formación e, ao mesmo tempo, para as empresas porque poderán coñecer a maneira de traballar da persoa, podendo ser o primeiro paso para unha posible contratación laboral”.

Artigos relacionados

Back to top button