A Escola Profesional Santo Cristo celebrou hoxe, 8 de febreiro, a clausura das súas II Xornadas de Emprendemento, que deron comezo hai tres días.
Para este acto de clausura contaron con diferentes relatores de excepción como foi o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente de AJE Ourense e vicepresidente de AJE Galicia, Lois Babarro; Begoña Mera, directora creativa de Sommera; a xerente de Tote Bebés, Marta Antolínez e a xerente e gañadora do premio AJE á mellor iniciativa emprendedora, Olga Penedo.
O encargado de abrir o acto foi Jesús Vázquez, que ofreceu unha clase de 20 minutos sobre emprendemento. O rexedor municipal e profesor titular da Facultade de Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, asegurou que na actualidade ser emprendedor é “coma facer puenting”. Con isto referiuse a que “a primeira sensación é de medo pero, unha vez se consegue saltar, outra persoa chega abaixo con sensacións moi pracenteiras”. Neste senso, asegurou que unha idea, para que sexa idea, “ten que dar lugar a unha iniciativa de desenvolvemento empresarial”. Así, para o alcalde de Ourense, os ingredientes para seres emprendedor “que aparecen referenciados nas bibliografías”, aclarou, son: unha idea, autoconfianza, orientación ao logro e a asunción de riscos.
Tras Vázquez, subiu ao estrado Lois Babarro, que realizou unha especie de monólogo sobre o emprendemento. Entre risas, Babarro expresou varias ideas como que un emprendedor ten que ter “capacidade de sacrificio”, asegurando que “a sorte non existe”. Tamén aproveitou a ocasión para resaltar a importancia do cartel de poñentes nesta xornada, “a meirande parte son mulleres e iso dinos que as cousas están a cambiar, non tan rápido como deberían, pero hai un cambio”, dixo.
Outro dos consellos que deu o presidente de AJE Ourense aos presentes na sala foi que “o non é unha parte do camiño do emprendemento”. Nese eido, recalcou que “a perseverancia é vital”. Aquí salientou que en España, e en concreto en Galicia, “non estamos preparados para o fracaso” e por iso recomendou xuntarse sempre “ao carón de xente optimista”. Asemade, reiterou que é moi importante “saíres da zona de comfort” e “arriscar”. Tamén animou aos presentes a “vivir experiencias” viaxando e coñecendo xente.
A través desta semana do Emprendemento, dende o Colexio Profesional Santo Cristo queren fomentar no seu alumnado a cultura emprendedora e as calidades persoais que constitúen a base do espírito empresarial.
Texto: Carlos Asensio.