ConcellosQuirogaÚltima hora

Comeza a derruba dunha edificación en ruínas no centro de Quiroga

Imaxe do inicio das obras de derrube./ Foto cedida.

 

Esta mañá comezaba en Quiroga a derruba dunha edificación con expediente de ruína situada na rúa Real da vila. “Un auto xudicial autorizáballe ao Concello de Quiroga levar a cabo a execución subsidiaria da orde de demolición desta edificación situada moi preto da casa consistorial. Ante o perigo inminente de derruba o Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo concedíalle ao Concello de Quiroga o pasado 31 de maio, un prazo de tres meses para executar esta sentenza”, tal e como se informa dende esta administración local.

O Concello de Quiroga levaba máis de dous anos tentando poñerse en contacto cos propietarios para que tomasen cartas no asunto ou deixasen actuar ao concello. Así o confirma o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, quen asegura que foi “preciso aplicar a normativa subsidiaria ante a negativa dos propietarios a facerse cargo. Ante esta imposibilidade, e tras cumprir con todos os trámites administrativos, incluída a publicación en boletíns oficiais, finalmente foi o xulgado o que autorizou que o concello poida entrar nesta propiedade privada”.

O Concello encárgase agora de tirar esta edificación ruinosa e acondicionar o terreo no que está situada, un terreo na rúa principal e no centro da vila quiroguesa. Despois de moitos anos, en palabras do alcalde quirogués, Julio Álvarez, que se achegou a ver o inicio da derruba xunto co concelleiro José Enríquez, “Quiroga saca unhas ruínas que afeaban e entorpecían a vistosidade do centro da vila”.

O goberno local traballa, nun principio, en que este espazo novo quede unido á área de descanso que acondicionou recentemente no entronque da rúa Real coa rúa Lago, ampliando este espazo de lecer.

Para o acondicionamento da área de descanso xa realizada o Concello de Quiroga contou co plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente

Artigos relacionados

Back to top button