CulturaCulturaÚltima hora

Comeza a rodaxe de “Amores Brujos”, primeiro filme de Lucía Álvarez e Rosa Torres-Pardo

Pretende ser "un camiño á inversa cara ao Falla máis flamenco no que dous mundos aparentemente opostos, como o clásico e o flamenco", din as súas directoras

Lucía Álvarez (á dereita) e pianista Rosa Torres Pardo./ Foto: Claudia Campoamor.

 

Arredor da música de Manuel de Falla, en concreto das súas composicións inspiradas no flamenco e no cante jondo xira o novo proxecto da actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río) e da pianista Rosa Torres-Pardo: “Amores Brujos”. Trátase dunha longametraxe documental cuxa rodaxe vén de iniciarse.

“É unha reivindicación das nosas orixes que, neste caso, como dixo Federico García Lorca, beben do primitivo cante andaluz”, din as súas directoras, “nesta película, ademais, rescatamos a figura dunha muller valiosa e fundamental na obra de Manuel de Falla como foi María Lejárraga, nunha época onde ser muller e creadora era especialmente complicado. Os escritos de María seguen actualmente asinados co nome do seu marido: Gregorio Martínez Sierra. En “Amores Brujos” queremos restablecer a súa memoria e poñela no lugar que lle corresponde. A día de hoxe non temos coñecemento de ningunha longametraxe dedicada á obra e vida do compositor. Polo tanto, parécenos obrigado levala a cabo en tan sinalado aniversario: o 75 aniversario do seu falecemento e o centenario da súa Fantasía Bética”.

Este proxecto (producido por Mezzoforte 111 en colaboración con FTF CAM), conta cun elenco de recoñecidos artistas como Cañizares, Israel Fernández, María Toledo, Sergio Bernal, Carmen París, Antonio Serrano, Ana María Valderrama, Patricia Guerrero, Jesús Barranco, Helena Martín, Clara Muñiz, Constanza Lechner, Alexis Delgado, Rocío Márquez, Adolfo Gutiérrez Arenas, Jesús Carmona, xunto coas propias directoras.

 

 

O seu equipo técnico está formado por profesionais como Tote Trenas e Diego Trenas (dirección de fotografía), Ascen Marchena (montaxe), Ángel Amaro (dirección de arte), Isabel Franco (maquillaxe), Reme Martínez (Salón de peiteado), Gonzalo Noqué e Toni Puig (son). Ademais ten a colaboración especial de Arnold Taraborrelli, coreógrafo que transformou as artes escénicas e mestre dos artistas máis consagrados durante décadas neste país.

Este filme, que coincide ademais co 75 aniversario do falecemento de Manuel Falla, pretende ser “un camiño á inversa cara ao Falla máis flamenco no que dous mundos aparentemente opostos, como o clásico e o flamenco, buscan unha nova vía entre as normas da música clásica e a liberdade do flamenco. Nunha sucesión de escenas musicais: danza, cante, palabra, diversos instrumentos irán tomando protagonismo”, explican as directoras.

O guión, obra do dramaturgo José Ramón Fernández, propón “un emocionante percorrido pola vida e a obra de Falla”, así como polo tempo que lle tocou vivir. A través dos personaxes de Falla e María Lejárraga, autora de entre outros,d o libreto de “El Amor Brujo”, diversas anécdotas irán desvelando a relación entre ambos e a súa relación coa música. “Amores Brujos” conta, ademais, coa valiosa achega poética de Luis García Montero.

 

As directoras co guionista José Ramón Fernández./ Foto: José L. Rodríguez.

 

Esta longametraxe incorpora a accesibilidade para persoas con discapacidade sensorial auditiva e visual grazas a CESyA e a Palmyra Teatro.

“Amores Brujos” é tamén froito de máis de dous anos de estreita colaboración entre Álvarez e Torres-Pardon que teñen promovido conxuntamente producións de distinta índole, desde proxectos audiovisuais, pasando polos teatrais e musicais. Un dos seus últimos traballos é “Amanezca”, curtametraxe protagonizada por María Bottoy María José Alfonso, dirixida por Lucía Álvarez, e con música orixinal de Rosa Torres-Pardo.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button