EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza a tramitación para crear a denominación de orixe do “Aceite de Quiroga”

O alcalde de Quiroga e varios olivicultores veñen de presentar no rexistro da Xunta a solicitude dunha DOP para este produto
O alcalde de Quiroga con olivicultores no intre de entregar a solicitude no rexistro da Xunta./ Foto cedida.

Comeza o proceso administrativo para solicitar a creación dunha Denominación de Orixe Protexida (DOP) para o “Aceite de Quiroga”. Neste xoves 14 de marzo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, e varios olivicultores veñen de presentar no rexistro da Xunta de Galicia esta petición. “Os trámites a seguir a partir de agora será que a Xunta tramite o expediente e o remita ao Ministerio de Agricultura, primeiro, e á Unión Europea despois. Con esta solicitude o Concello de Quiroga dá un paso importante na recuperación do seu aceite, recuperación iniciada no ano 2000 coa celebración da primeira Mostra do Aceite”, destaca esta administración local.

Nestes momentos o Concello xa ten rexistrado o nome de “Aceite de Quiroga” con dous fins principais: “certificar as características do produto de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite” e ademais para “regular e ordear as plantacións de oliveiras”.

Para que os aceites poidan levar a etiqueta co nome de “Aceite de Quiroga” considérase como requisito necesario que a “materia prima proceda integramente da zona delimitada pola Comisión e aceptada en última instancia polo propietario da marca. Ademais a súa elaboración tamén se realizará no noso territorio e exclusivamente con oliveiras das variedades aceptadas pola Comisión creada para o seu cumprimento”, segundo o Concello. Co fin de evitar fraudes esta administración local leva un rexistro de Plantacións de Oliveiras cos datos do seu titular e da plantación e un rexistro dos muíños existentes que poidan optar ó uso da marca rexistrada.

No caso do aceite de oliva virxe extra, amparado pola marca de garantía “Aceite de Quiroga”, deberán “empregarase olivas das distintas variedades que existen dentro do municipio de Quiroga. Os aceites consideraranse monovarietales cando procedan, a lo menos nun 80%, dunha única variedade de olivas. As variedades que se poden empregar dentro desta marca de garantía son as seguintes: mansa, brava, arbequina,…”, matizan dende o Concello.

A orixe do rexurdir do aceite galego hai que sitúalo neste val de Quiroga (Lugo) coa recuperación das oliveiras centenarias que hai na comarca, onde se descubriu, grazas ás investigacións do CSIC, que hai variedades autóctonas únicas, como a brava e a mansa, con características organolépticas singulares, que non estaban recollidas no “Banco de Germoplasma Mundial de Variedades de Olivo”, con sede en Granada.

 

Artigos relacionados

Back to top button