
As instalacións da aula Cemit do Barco de Valdeorras acollen un curso de Alfabetización Dixital que imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) no que están a formar 10 persoas, 6 homes e 4 mulleres, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, e procedentes dos concellos de O Barco, A Rúa e Rubiá.
Esta formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través de COCEMFE e dentro das Actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2021-22, contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, e nos que abordarán os módulos de internet, procesador de textos e folla de cálculo.
Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral. Arestora, bolsa de emprego de COGAMI ten inscritas un total de 430 persoas na comarca de Valdeorras.