ConcellosÚltima hora

Comeza o proceso para optar a 70 prazas de Polícia Local de 29 concellos, entre eles O Barco e Trives

Hoxe o DOG publica a resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas para a primeira proba de coñecementos e os exentos de participar na segunda sobre lingua galega

Vehículo da Policía Local diante do Concello da Pobra de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar neste luns a resolución definitiva dos 873 aspirantes admitidos ao proceso selectivo para optar a 70 prazas de Policía Local a través das oposicións centralizadas pola Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A resolución tamén recolle os aspirantes que están exentos de realizar a proba de coñecementos de lingua galega.

O proceso comezará este mesmo xoves no recinto feiral de Silleda cos dous primeiros exercicios. Por unha parte, a proba de avaliación de coñecementos, que constará dun cuestionario de 100 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria. Ademais, as 169 persoas convocadas á proba de coñecementos de lingua galega realizarán este segundo exercicio ao remate do primeiro.

A través desta vía cubriranse un total de 70 prazas comunicadas por 29 entidades locais: A Coruña, A Pobra de Trives, Betanzos, Bueu, Carballiño, Fene, Ferrol, Foz, Lugo, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ordes, O Rosal, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

As persoas convocadas deberán cumprir un protocolo específico de prevención ante a covid-19 para garantir a seguridade dos aspirantes e de todo o persoal. Así, requirirase para o acceso ao recinto presentar o certificado covid de vacinación ou unha PCR ou proba de antíxenos con resultado negativo nas 48 horas antes das probas. O terceiro exercicio do proceso selectivo correspondente ás probas físicas está previsto para o mes de febreiro e levarase a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Unha vez rematado o proceso, prevese o inicio nas instalacións da AGASP do curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar os aspirantes que aprobaron as probas anteriores antes de poder elixir destino e ser nomeados funcionarios en prácticas polos concellos.

“A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración cos concellos galegos. Deste xeito, estas 70 prazas do corpo de Policía Local de 29 municipios conformarán a 14ª promoción de Policía Local que se formará na AGASP”, explica a administración galega.

Máis información:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220117/AnuncioO3C2-040122-0001_gl.pdf

Artigos relacionados

Back to top button