SanidadeÚltima hora

Comezan as obras da 1ª fase de renovación do Centro de Saúde de Castro Caldelas

 

Xa están en marcha as obras da primeira fase de renovación do Centro de Saúde de Castro Caldelas, tanto do PAC como da zona de Atención Primaria, que ascenden a máis de 200.000€ euros. “Trátase dunha obra máis que necesaria para dar solución ás deficiencias que vén arrastrando dende hai moitos anos”, asegura a alcaldesa Sara Inés Vega, puntualizando que o Concello aporta 50.000 euros de fondos propios e o resto pono a Conselleira de Sanidade, para acometer a renovación completa do tellado e baixantes de todo o centro.

 

 

“Tamén reformaremos toda a entrada, aumentando a zona cuberta exterior, obras de accesibilidade nas duas entradas, obra completa da zona exterior entre o PAC e Atención Primaria, novas beirarrúas e beiravías ao longo de todo o exterior do Centro e todas as carpinterías metálicas das zonas de paso en todo o edificio”, engade a rexedora, recoñecendo que “é de xustiza o arranxo deste centro e tamén é o resultado dunha obra largamente pelexada, unha reivindicación histórica”, asegura.

 

 

Tal como expica Sara Inés Vega, Castro Caldelas dá atención sanitaria a 5 concellos no seu Punto de Atención Continuada dende as 3 da tarde ás 8 da mañá, así como consultas aos veciños e desprazados de 8 da mañá a 3 da tarde. “É un privilexio contar con estes servizos pero é igualmente certo que tanto os profesionais sanitarios como os pacientes deben contar con instalacións dignas onde non haxa fugas nin humidades e esta obra resolverá definitivamente estes problemas. Aínda quedan máis deficiencias por resolver pero, este é o comezo e non pararemos ata contar coas mellores instalacións”, conclúe.

 

 

Fotos: Concello de Castro Caldelas.

Artigos relacionados

Back to top button