A RúaConcellosÚltima hora

Comezan as obras da senda peonil na OU-933 na contorna do IES Cosme López da Rúa

Contan cun investimento que rolda os 45.000 euros e consisten na habilitación dunha nova senda de preto de 700 metros de lonxitude pola marxe dereita da vía, na que se atopa o IES e onde existen accesos a vivendas

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras para habilitar unha nova senda peonil na estrada autonómica OU-933, na contorna do IES Cosme López Rodríguez, no concello da Rúa. Esta obra, que conta cun investimento de case 45.000, ten como obxectivo a conexión peonil do núcleo da Rúa co instituto IES Cosme López Rodríguez, na avenida de Almendralejo. Para iso estase a executar un novo itinerario pola marxe dereita da OU-933, na que se atopa o IES e onde existen accesos a vivendas adxacentes á estrada. Actualmente o tránsito peonil realízase empregando a beiravía.

A senda en execución terá preto de 700 metros de lonxitude. A súa anchura media será de 1,80 metros, con treitos puntuais nos que pode variar o ancho entre os 1,50 e 2,00 metros, dependendo do espazo dispoñible.

“Deste xeito, mediante esta actuación estase a acondicionar o sobreancho existente na beiravía desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 59+440 e 60+095, para o seu uso como senda peonil, mellorando así a accesibilidade e a seguridade viaria neste treito”, sinala a consellería.

 

 

As obras en execución inclúen o extensión dunha capa de solo seleccionado, de 20 centímetros de espesor mínimo que servirá de soporte do pavimento da senda. Sobre esta capa, disporase pavimento de formigón, de 12 centímetros de espesor, que irá armado nos puntos coincidentes con accesos e na curva existente no quilómetro 59+920.

Naqueles treitos onde a día de hoxe existe gabia de terras, a xeometría da sección será a de senda gabia de formigón. Neste caso executaranse arquetas e sumidoiros, que desaugarán a un colector de PVC de 400 mm de diámetro situado baixo a gabia e que conectará coa rede de drenaxe existente.

Ademais, entre o punto quilométrico 59+465 e o 59+515, disporase un peche de malla de 1 metro de altura, entre o límite da senda e o terraplén existente, como complemento de mellora da seguridade viaria.

Artigos relacionados

Back to top button