EconomíaEconomíaÚltima hora

Comezan as soltas de Torymus sinensis para loitar contra a avespiña do castiñeiro

As primeiras soltas xa se realizaron nas provincias de Coruña e Pontevedra, onde os castiñeiros xa brotaron, e nas vindeiras semanas continuaranse nas de Ourense e Lugo, segundo Medio Rural

Exemplar de Torymus sinensis.

 

Neste días veñen de iniciarse, por parte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, as primeiras soltas Torymus sinensis, parasito da avespiña do castiñeiro, nas comarcas da Coruña e Pontevedra, onde as condicións meteorolóxicas permitiron que os castiñeiros xa brotasen. Nas vindeiras semanas, os traballos acadarán tamén as provincias de Lugo e Ourense.

A Consellería do Medio Rural ten previsto soltar 6 millóns de individuos de Torymus para consolidar a súa loita contra a avespiña do castiñeiro. Investiranse máis de 2,2 millóns de euros en 2021 para combater a praga con este método natural.

“O momento da solta depende de cando comezan a medrar as follas dos castiñeiros e, por tanto, as bugallas. Así, cando hai un número suficientes de bugallas nun souto procédese á solta dos parasitos. Cabe destacar que o número de Torymus sinensis a soltar depende da superficie de soutos e plantacións de castiñeiro existentes, co obxectivo de que o parasito comece de forma natural a súa expansión e protexa así estes enclaves naturais”, informa Medio Rural.

Para levar a cabo os traballos, Medio Rural volve contar este ano coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e de distintas cooperativas e asociacións relacionadas co manexo dos soutos e a produción de castañas, que facilitan os datos do momento en que brotan as follas dos seus soutos para optimizar as soltas dos parasitos.

Efectividade da loita biolóxica

Dende o ano 2015, cando se comezou con este sistema natural, liberáronse un total de 4,1 millóns de individuos do parasito Torymus sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento da Xunta de máis de 5,8 millóns de euros. “Arestora trátase do único método existente para loitar contra este organismo e o resultado das soltas amosa a efectividade da medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países”, asegura Medio Rural.

Na campaña 2019/2020, as parasitacións obtidas acadaron de media un “3% nas zonas de maior superficie de castiñeiros e, polo tanto, de produción de castañas (zonas de soutos do interior de Lugo e de Ourense), o que garantiu o establecemento de poboacións estables do parasito. Con todo, nalgúns dos puntos analizados a parasitación chegou ao 20% e, puntualmente, ao 44%. Tendo en conta estas cifras do asentamento do Torymus, constátase que a Xunta comeza a gañar a batalla contra a avespiña do castiñeiro a través da loita biolóxica”, sinala a consellería.

Traballos a ter en conta nos soutos

Para asegurar a supervivencia dos parasitos soltados do Torymus sinensis, e que se poida asentar a súa poboación, é moi importante ter en conta algunha recomendación á hora de realizar os traballos nos castiñeiros, destacan dende Medio Rural. “Non se deben empregar insecticidas para a erradicación da avespiña porque, aínda que non entra na bugalla, si pode afectar aos parasitos naturais da avespa do castiñeiro e mesmo ao propio Torymus. Tampouco se deben eliminar nunca as bugallas secas, porque é onde permanece o parasito ata a súa emerxencia na seguinte primavera. Finalmente, é preciso evitar as rozas preto dos castiñeiros na primavera, xa que os Torymus aliméntanse do néctar das flores do souto, mentres se aparean e poñen os ovos nas bugallas frescas”.

Pola contra, pódense podar os castiñeiros pero non queimar ou eliminar os residuos, xa que o “Torymus pode vivir dous anos dentro das bugallas secas, antes de emerxer para parasitar bugallas frescas. Ademais, recoméndase regar durante o verán para prolongar o período de crecemento de gromos novos -así estes quedan fóra do período de posta da avespa- así como fertilizar para incrementar o vigor das árbores e que poidan resistir mellor o ataque da praga”, aconsellan dende Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button