ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

Comezan os arranxos da ruta da Lagoa da Lucenza (Quiroga), tras os danos do lume do verán

Lagoa de Lucenza (Quiroga)./ Cedida.

 

Comezaron as obras de reparación dos danos causados polos incendios do pasado verán na ruta da Lagoa da Lucenza. O incendio que afectou á senda da ruta da Lucenza que vai desde o núcleo da Seara ata a lagoa queimou todas as sinais informativas e tamén danou o trazado polo paso das máquinas e equipos de extinción de incendios que actuaron na zona.

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia aportará uns 16.000 € que servirán para a reparación da plataforma, a sinalización da ruta, a recuperación de elementos danados e a colocación de novas sinais informativas e interpretativas que permitan a mellor comprensión do medio natural desta ruta.

Nesta ruta homologada (PR-G 184) pintarase unha nova sinalización mediante franxas paralelas e de distinta cor (branca e amarela) aproximadamente cada 50 metros, farase un refino e planeo do camiño coa correspondente apertura de cunetas, e colocarase unha mesa interpretativa conforme a indicacións do manual de sinalización turística da Xunta de Galicia, así como frechas indicativas de madeira tratada. O Concello de Quiroga aproveitará tamén para mellorar o inicio da ruta dentro do núcleo da Seara onde se colocará un pequeno tramo de formigón.

Con estes traballos permitirase o acceso dos visitantes para que sigan utilizando este percorrido que conta cun alto valor ecolóxico, etnográfico, xeolóxico e paisaxístico, dando a coñecer o lugar mediante a sinalización de elementos ou lugares de interese. Todos estes traballos axudan a coñecer e acceder a zonas de alto valor dentro da Rede Natura do Concello de Quiroga.

A Ruta (PR-G 184) da Lagoa da Lucenza, iniciase no pobo da Seara, e ascende polo val de Forgas, pasando polas fervenzas de Fócaro e de Navarega, hasta chegar á Lagoa da Lucenza, de orixe glaciar e cuxa antigüidade remóntase ao pleistoceno. Séguese ascendendo ata a Campa da Lucenza, a uns 1500 m de altitude, e enlázase con unha pista que recorre a parte alta de estas montañas. Ao chegar ás proximidades do Alto de Formigueiros, desvíase por un sendeiro que nos levará de volta á Seara pola outra ladeira do val de Forgas.

A lagoa da Lucenza de orixe glaciar é unha paraxe emblemática do Xeoparque Montañas do Courel situada a unha altura de 1.440 metros, duns setenta metros de diámetro e unha profundidade dun metro, que se enche grazas as augas pluviais do monte Formigueiros.

Artigos relacionados

Back to top button