Os ourensáns “Muxicas” participarán na bienal de Teatro ONCE que se celebrará, entre o 30 de marzo e o 2 de abril, por diferentes escenarios de Galicia.
Muxicas levará á escena do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o venres 31 de marzo, a súa última montaxe “Arsénico por compaixón”, unha adaptación do seu director Tito Asorey sobre un texto de Joseph Kesselring. A representación contará co servizo de audiodescripción para o público cego.
En “Arsénico por compaixón”, Lucía, unha nova actriz galega, coñecida pola súa participación nunha serie de éxito da TVG, decide casarse co seu mozo, Alberto. Cando vai para á casa das súas tías para anunciar a boa nova, descobre que gardan un terrible segredo: levan anos empregando arsénico como método para “axudar” a pasar a mellor vida a todos aqueles vellos que elas consideran que “están sufrindo demasiado nesta vida”. Con esta premisa, Teatro Muxicas, presenta un divertido e sorprendente vodevil chego de acción, confusión e humor salvaxe que achega o clásico de Kesselring á realidade galega.
Con sede na Coruña, a XVI Bienal de Teatro ONCE chegará, ademais, até Ferrol, Ourense, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Burela, Carballo, Pontevedra, Vigo e Lugo.
Nesta ocasión participarán oito compañías apoiadas pola ONCE, integradas na súa meirande parte por persoas cegas ou con discapacidade visual. Sa Boira (Baleares), Valcar (A Coruña), Muxicas (Ourense), La Luciérnaga (Madrid), La Ruina (Albacete), Samaruc (Valencia), Sarau (Barcelona) e Orozú Teatro (Cádiz).
Como novidade, nesta edición incluíuse unha sesión de monólogos a cargo de varios artistas con discapacidade, algúns membros de estes mesmos grupos e outros procedentes de grupos diferentes.