SanidadeÚltima hora

Complétase a instalación do equipo PET da nova área de medicina nuclear do Hospital de Ourense

O conselleiro de Sanidade visitaba este mércores esta nova unidade, na que a Xunta inviste 5,7 millóns de euros entre obra e equipamento

 

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no que a Xunta de Galicia vén de completar a instalación do equipo PET co que contará a nova área de Medicina Nuclear do hospital ourensán. Segundo adiantou Comesaña, o executivo galego ten previsto que desde o vindeiro mes xa comecen a realizarse probas con este novo equipamento, un servizo que evitará que os pacientes da provincia de Ourense teñan que desprazarse ata Vigo para poder realizar este tipo de probas. “Era prioritario que os pacientes ourensáns puideran efectuar estas probas sen saír da súa provincia”, destacou o titular da carteira sanitaria.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o conselleiro explicou que mediante a xestión dos fondos europeos Next Generation o goberno galego decidiu “apostar polo equilibrio territorial e a equidade no acceso á alta tecnoloxía da sanidade pública galega”. Así, no eido da Medicina Nuclear adquiriu senllos equipos tomográficos PET para os centros hospitalarios de Lugo e Ourense, o que permitirá unha diagnose máis precisa nos procedementos oncolóxicos ou de neuroloxía.

A chegada da tecnoloxía PET ao Hospital de Ourense requiriu do deseño e construción dunha nova área de Medicina Nuclear para este centro hospitalario. Esta obra finalizou xa os espazos do PET e continuará en 2024 coa área na que se instalarán as dúas gammacámaras adquiridas tamén pola Xunta este ano e que están instaladas de xeito provisional na planta baixa do edificio Santa María Nai.

Polo tanto, a Xunta de Galicia complementou os fondos europeos Next Generation que permitiron adquirir o PET (1,5 millóns) e as dúas gammacámaras (1,4 millóns) coa execución dunha obra que ascende ata os 2,8 millóns de euros. Así, unha vez rematadas as obras e a instalación destes equipos, a Xunta terá investido 5,7 millóns de euros neste novo servizo de Medicina Nuclear.

 

 

30 millóns de euros para o hospital de Ourense en 2024

Durante a visita, o responsable da Sanidade galega avanzou que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 conta cunha partida económica de case 30 millóns de euros para o complexo hospitalario ourensán. En concreto, precisou que “con estes fondos continuaremos as obras do novo edificio de hospitalización e materno-infantil, remataremos esta área de medicina nuclear, instalaremos un novo acelerador intraoperatorio, e acometeremos as reformas das áreas de cardioloxía e radioloxía intervencionistas, nas que terán a súa localización definitiva os equipos de hemodinámica e neurorradioloxía adquiridos este ano”.

Deste xeito, e xunto coa obra da nova UCI e a renovación doutros equipos, durante a presente lexislatura o Goberno galego investiu máis de 80 millóns de euros no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, unha contía económica que incide no compromiso do Executivo galego por mellorar as infraestruturas e os servizos asistenciais en Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button