DeportesNataciónÚltima hora

“Comprometímonos a que a piscina climatizada reabra antes de fin de ano e niso estamos”

O alcalde do Barco respondía deste xeito no pleno municipal a unha pregunta formulada polo edil de Riada Cidadá

Exterior da piscina climatizada do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A cuestión da reapertura da piscina climatizaba do Barco era, unha vez máis, motivo de debate no pleno ordinario que a Corporación do Barco celebraba neste 11 de novembro. O concelleiro de Riada Cidadá, Félix García Yáñez, formulaba unha pregunta ao alcalde relativa á demora acumulada na reapertura destas instalacións deportivas, pechadas dende o 2018. Neste senso, apuntaba que se trata “dun problema de externalización dos servizos municipais”, indicando que o mesmo que acontece con servizos, como o conservatorio ou a gardería, “a piscina cuberta debería ser de xestión municipal”.

Ante isto o alcalde do Barco, Alfredo García, aseguráballe que “vostede parte dunha premisa que é falsa, porque vostede di que se está alongando de novo a apertura. En absoluto é así porque no pleno anterior deste Concello díxose que a piscina, dende logo antes de tomar medidas drásticas, nos comprometíamos a que se abrira antes de que remate o ano. E niso estamos. E non só hai un compromiso, senón que ademais hai un contrato asinado, entón, imos intentar que se cumpra o compromiso e se abra. Eu ratifícome nese compromiso”.

Neste senso, Félix García Yáñez lembraba que “o contrato asinado era para setembro do pasado ano”. Ao que o rexedor barquense respostaba que “houbo circunstancias que impediron que se fixera. Iso pasou en todas partes e en todos os servizos, non mesturemos as cousas”.

Ademais o edil de Riada Cidadá apuntaba que existe moito malestar social polas demoras na reapertura do servizo e pedía que se axilicen as datas de repertura, “por iso pregúntolle se non cre que é mellor unha xestión municipal do servizo”. Alfredo García insistía en que existe un contrato asinado cunha empresa e, que asumir a xestión municipal “obrigaríanos a indemnizacións e non hai ningún motivo para plantexarse iso a día de hoxe. Polo tanto, deixemos que a empresa cumpra coa súa obriga, co seu contrato e nos estaremos vixiantes para que se cumpra en boas condicións”.

Artigos relacionados

Back to top button