OurenseÚltima hora

Comunicado dos grupos políticos representados na Corporación Provincial de Ourense en apoio ao sector da lousa

 

Os grupos políticos representados na Corporación Provincial de Ourense -PP, PSOE, BNG e DO- veñen de expresar de xeito conxunto nun comunicado o apoio da Deputación de Ourense ao sector da lousa “e, de xeito particular, aos traballadores e traballadoras afectadas polo desafiuzamento dos terreos nos que exerce a súa actividades unha das empresas de maior peso no sector na comarca de Valdeorras”.

Así mesmo, no texto indican que “a Corporación Provincial de Ourense, sempre co máximo respecto ás decisións xudiciais, amosa a súa preocupación polo futuro ao que se enfrontan varios centos de empregados e empregadas, as súas familias e todas as persoas que dun xeito indirecto tamén traballan para a empresa afectada”.

Os catro grupos políticos entenden que o cesamento do traballo dunha empresa da lousa “non só ten consecuencias no ámbito da compañía e no lugar onde desenvolve a súa actividade, senón tamén no conxunto do sector e nos capítulos social e económico de toda a comarca de Valdeorras”.

Finalmente, a Corporación Provincial de Ourense “invita e apela ao diálogo entre as partes involucradas no proceso xudicial, na procura de acordos que abran a porta a unha pronta solución”.

Artigos relacionados

Back to top button