Moi complicada é a situación que se está vivindo no Castañeiro, unha zona pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e O Trigal (Carballeda de Valdeorras), entre a propia comunidade, propietaria dos terreos, e varias empresas do sector da lousa que realizan nela a súa actividade e que segundo os afectados, néganse a pagar o arrendamento que por lei lles corresponde.
Para dar a coñecer a problemática, na tarde do 3 de abril, a xunta directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e O Trigal (o presidente, José Antonio Valle Vidal; o secretario, Odilo Fernández; o vogal Eloy Domínguez) e o letrado e asesor, José Antonio Iglesias, daban unha rolda de prensa no Pazo do Castro (O Barco). Alí, explicaron que son tres as empresas coas que manteñen unha guerra aberta. “Ata agora a relación era bastante asequible, sabían que tiñan que contar co consentimento dos titulares, neste caso a xunta rectora da comunidade e a asemblea xeral e había contratos de arrendamento e acordos para poder seguir extraendo a lousa. Foi máis ou menos pacífico ata agora que parece que a crise rompeulles os esquemas e pensan que todo é deles e poden pasar, explotar e facer o que queren sen contar para nada coas comunidades propietarias dos terreos e atopámonos con que despois de 15-20 anos pagando pola explotación segundo o contrato estipulado, agora dicen que non pagan. Veñen a dicir que o monte é deles e non teñen nada que contar cos veciños”, explica José Antonio Iglesias.
A xunta directiva asegura que “a comunidade de montes e os veciños non se opoñen para a nada a que se traballe na zona, e que se manteñan os postos de traballo porque parece que alguen está tratando de manipular os feitos dicindo que os veciños queren que se perdan postos de traballo, destruír empresas, e nada máis lonxe da realidade senón que o único que queren é defender o que é deles: os montes veciñais en man común”. A pasividade e negativa das empresas en cuestión (Emeritasa, Intradima, Irosa e Samaca) a pagar o arrendamento que deben aos propietarios dos terreos, motivou que os veciños levasen a cabo unha serie de actos para impedir o paso a través dos seus terreos a aquelas persoas que non contan con autorización ou non teñen acordos puntuais para pasar por eles. “Parte das explotacións están en Casoio e parte nos montes de Portela e Trigal. Algúns páganlle a Casoio pero non a Portela e Trigal pero a saída de todos para a OU 122 téñena polos terreos dos veciños de Portela e Trigal. Se queren explotar no seu terreo teñen que alquilalo e se queren pasar tamén, é a forma que temos de facer presión”, aseguran e por iso lles cortan o paso con cadeas que polas noites aparecen cortadas e retiradas, chegando a provocar tamén enfrontamentos entre as empresas, porque hai outras que si pagan honradamente”, din.
Esta situación complicouse aínda máis pola intervención da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras que “manifestou e pulicou incluso algunha resolución dicindo que as pistas que están dentro dos montes en man común, en concreto por onde acceden a algunha destas explotacións, teñen a consideración de camiño público e como tal ela autoriza e deixa pasar a quen queira por alí e ninguén ten nada que reclamar, e iso no pode facelo porque non é público, e da comunidade e a titularidade deses terreos, dende a súa clasificación como tal, en 1977, é dos veciños dos núcleos en cuestión e son eles os que teñen que xestionar e tomar as decisións sobre o que se vai realizar neles”, explica o letrado engadindo que teñen unhas características especiais “son montes indivisibles e non se poden vender nin comprar, nin adquirir por prescrición, aínda que si expropiados por un motido de intereses público, pola Administración”.
Levan xa tempo con este problema e no caso concreto de Irosa e Samaca (tamén Pizarras Trevinca que hoxe pertence a Irosa), tiveron contrato ata finais de 2014 e á hora de facer o novo (o máximo son 11 anos por lei) “foi cando nin queren saber nada de nós, nin nos pagan” polo que abriron un procedemento xudicial para o seu desaucio. “Promóvense dous procedementos o ano pasado e foise ao Xulgado. Dictáronse as sentencias favorables para o pobo e din que o contrato está terminado e as empresas teñen que marchar. Recurriron, evidentemente, e estamos pendentes de que se resolva o recurso pola Audiencia Provincial de Ourense. A vista está sinalada para o 18 de abril no Barco”, explica Jose Antonio Iglesias.
Aínda así a situación non mellora e dende a a Comunidade de Monte aseguran que non pretenden que as empresas deixen de traballar xa que o 80-90% dos veciños traballan e viven do sector e “se cortamos o traballo non nos van pagar, iso é evidente, e ninguén quere que deixen o traballo, pero si que o fagan con certa medida, non pretender que isto sexa como a selva na que poden facer o que queren”. O seu desexo é que “se senten a negociar, alguén alleo ao conflito, por suposto. Levamos tempo pedíndoo porque non queremos tumbar a pizarra, vivimos disto pero teñen que tomar medidas e ter permisos”. “No estamos en contra de ninguén pero hai xente que pensa que seguimos na Idade Media con capacidade para pasar por riba de quen sexa e iso non pode ser”, engaden, asegurando que hai en macha un proxecto para crear unha especie de federacion de comunidade de montes “para estar unidos e ter máis forza e uns criterios comúns, para defender mellor os seus intereses. Só pedimos o que nos corresponde”.