ConcellosPetínÚltima horaVídeos

Concentración en Petín contra a violencia e pola igualdade de xénero

O programa de actividades deste ano incluía a proxección do documental "Sen tocar un pelo"

 

Concentración e lectura de manifesto, punto violeta de información e proxección audiovisual. Son os actos contra a violencia de xénero cos que, un ano máis o Concello de Petín conmemoraba este 25N.

A praza Dr. Quiroga era coma sempre o punto de encontro para o acto central neste xoves 25 de novembro. De feito, alí estaba o “Punto Violeta” con folletos informativos sobre a violencia, camisetas, bolsas, mochilas, chapas, neceseres, pulseiras e tapacamaras; e alí mesmo se congreban os veciños para escoitar a lectura do manifesto por parte da escritora Mencía Yano. “A violencia de xénero non é un problema que afecte ao ámbito privado”, dicía, engadindo que pola contra “maniféstase como o símbolo máis brutal da desigualdade, como unha violencia que se dirixe ás mulleres polo simple feito de selo”.

 

 

O manifesto lido en Petín subliña “o valor das mulleres no desenvolvemento social, económico, intelectual e humano”, sendo por tanto necesario “asegurar a súa participación plena e efectiva en todos os niveis, tamén nos decisorios da vida política, económica e social, tanto pública como privada”, rematando co desexo de que “algún día a violencia contra as mulleres deixe de ocupar as noticias coas que abren os informativos día si e día tamén”.

O programa continuaban pola tarde, coa proxección na Casa da Cultura de Sen tocar un pelo, documental realizado por mulleres de Arteixo dentro dun programa de prevención da violencia de xénero no que se recollen frases machistas que seguen vixentes,

Para o sábado 27 de novembro está previsto un contacontos pola igualdade de xénero ás 17 horas tamén na Casa da Cultura de Petín.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button