En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Concentración na Rúa “contra a deslocalización de Iberdrola”

Tiña lugar ás 12h. deste martes 7 de maio fronte á sede da empresa e concluía coa lectura dun manifesto que amosaba o “rexeitamento firme e rotundo á proposta de traslado”

Un cento de persoas concentrábase no mediodía deste 7 de maio fronte ao edificio de Iberdrola na Rúa nun acto convocado polos Concellos da Rúa e Petín “contra a deslocalización” desta empresa en Valdeorras.

 

 

Na concentración, durante a cal se recollían sinaturas, procedíase á lectura dun manifesto que comezaba sinalando que “recentemente vén de facerse pública a intención de Iberdrola de pechar o seu Centro de Operación de Conca (COC) na Rúa para trasladar ese servizo e os dezaseis postos de traballo a el asociados a Salamanca. Aló por 1955 a orixinaria Saltos del Sil principipou os traballos neste centro de control que continuou funcionando de xeito ininterrumpido até a actualidade sendo, probablemente, o máis antigo aínda en funcionamento de todos os que ten Ibedrola Grupo”.

 

No manifesto tamén se indicaba que o COC, “é, sen dúbida, o departamento máis emblemático das instalacións de Iberdrola na Rúa e no Concello entendemos que o seu traslado vai supoñer o peche definitivo da oficina no curto prazo”, incidindo ademais en que “unha consecuencia inadmisíbel do traslado a Salamanca sería que o control dos nosos ríos deixaría de estar no territorio propio para pasar a xestionarse desde outra comunidade autónoma”.

No manifesto amosábase o “rexeitamento firme e rotundo á proposta de traslado” e esixíase ademais “da Xunta de Galicia que se poña en contacto con Iberdrola para evitar a deslocalización definitiva da empresa do noso país. País produtor non só de enerxía hidráulica senón tamén eólica, que non pode sufrir máis as desvantaxes da produción eléctrica sen contraprestación”. O acto concluía entre aplausos dos asistentes.

Dende o Concello do Barco tamén vén de facerse público o apoio a este manifesto, tras un acordo tomado pola xunta de portavoces, tal e como se informa dende esta adminsitración local.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button