CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Concentración no Barco por un “ensino presencial seguro”

Este acto reivindicativo tiña lugar ás 19h. na praza do Concello coa asistencia de membros da comunidade educativa de Valdeorras

 

Unha representación da comunidade educativa concentrábase na tarde do 16 de setembro no Barco para pedir un “ensino presencial seguro”. Os asistentes portaban carteis con consignas como “menos ratio”, “máis recursos”, “máis saúde”, “máis persoal”.

A do Barco era unha das 25 concentracións que se realizaban esta tarde en toda Galicia, entre as que tamén estaba as de Ourense e Verín. Estes actos están convocados por CIG-Ensino, CCOO, CSIF e STEG, as confederacións ANPAs galegas e CONFAPA e as organizacións estudantís ERGUER e ANEGA. Con estas accións reivindicativas pretenden incidir “na falta de seguridade nas aulas coas medidas ata o momento adoptadas”.

Entre os asistentes á concentración do Barco estaba a deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galego, María Albert, quen consideraba “escandolosa falta de planificación da Xunta neste inicio de curso” e demandaba un “protocolo que cumpra coas esixencias mínimas de seguridade para o alumnado e profesorado”.

Por outra banda, está convocada unha folga no ensino secundario, FP e réxime especial para o vindeiro 23 de setembro. Os convocantes piden un incremento das medidas de seguridade e distanciamento físico fronte ao coronavirus coa “conseguinte redución de ratios, o incremento de persoal docente e non docente, así como unha auténtica negociación do protocolo para poder ofrecer unha educación presencial coas máximas garantías”.

Artigos relacionados

Back to top button