CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Concerto benéfico de Pablo Carbonell e da D.O. Ribeiro

Será a beneficio da cociña económica de Santiago e celebrarase o 6 de decembro no Hostal dos Reis Católicos desta cidade galega
Cartaz do concerto promovido pola D.O. Ribeiro en Santiago.
Cartaz do concerto promovido pola D.O. Ribeiro en Santiago.

Viño de calidade e música danse a man nunha iniciativa solidaria. A Denominación de Orixe Ribeiro promove un concerto enoacústico de Pablo Carbonell a prol da cociña económica de Santiago. Terá lugar o vindeiro 6 de decembro na Capela Real do Parador Hostal dos Reis Católicos da capital galega.

Este evento consistirá na cata comentada de dous viños brancos da D.O.Ribeiro, Vilerma 2013 e Viña Mein 2013, da man do director técnico do C.R.D.O. Ribeiro, Pablo Vidal, e, de seguido terá lugar un concerto en acústico de Pablo Carbonell. Así mesmo, haberá varias sorpresas para o público asistente.

A cita comezará ás 21.30 horas, aínda que o recinto abrirá portas ás 21.00, e xa ten as súas entradas donativo á venda, a un prezo de 12 euros, na Reixa Tenda (Rúa de Mazarelos, 9).

Durante o concerto, que está organizado pola D.O. Ribeiro e conta co patrocinio de Banco Sabadell Gallego e a colaboración de Paradores, os asistentes poderán gozar dos “viños previamente presentados acompañados por pinchos preparados polo Hostal dos Reis Católicos exclusivamente harmonizados para enxalzar o saboroso dos ribeiros brancos a prezos populares”, segundo o consello regulador desta denominación ourensá.

Artigos relacionados

Back to top button